Ana Pontón: “O BNG é o Partido Galeguista do século XXI, vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe”
Celebramos que Galiza é unha nación, proclamou, e destacou que o BNG entrou nun novo ciclo para disputarlle a hexemonía ao PP e liderar o País
Galiza precisa como nunca do nacionalismo ante un centralismo letal que nega o carácter plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado
O 6 de decembro de fai 90 anos as personalidades políticas máis relevantes da historia contemporánea de Galiza fundaban en Pontevedra o Partido Galeguista, e por iso o BNG celebrou hoxe na cidade do Lérez un acto de homenaxe e conmemoración do nacemento do nacionalismo político organizado.
“O BNG é o Partido galeguista do século XXI, vimos de lonxe e imos chegar aínda máis lonxe”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras subliñar que se ben o mundo cambio substancialmente ao longo destas nove décadas, hai algo que non mudou: “A necesidade do nacionalismo para Galiza, que precisa máis que nunca forzas políticas coas mans libres para defender os seus intereses”.
A necesidade dunha forza coa cabeza e co corazón no País, capaz de frear un centralismo “que se estende como mancha de chapapote, viscosa e contaminante, para tapar a realidade dun Estado que é plurinacional, pluricultural e plurilingüe”, destacou. Por iso, o Bloque celebra hoxe que “Galiza é unha nación”, como antes fixeron os homes e mulleres do Partido Galeguista, persoas comprometidas, con ideais, e compromiso militante.
Pontón destacou do PG o seu proxecto transformador e modernizador co Estatuto do 36 como punto de partida que, tras un esforzo “titánico”, incluía o recoñecemento nacional de Galiza ao mesmo nivel que Euskadi e Catalunya.
“A firmeza, convicción e amor” permitiu manter en pé “a nación viva que somos hoxe”, subliñou Pontón, e iso é o que celebrou o BNG no acto de Pontevedra, “non a Constitución que blinda a impunidade dunha casa real corrupta, nin a que nega a plurinacionalidade e impón un centralismo letal, nin a que apuntala unha democracia de baixa calidade trufada de portas xiratorias, de corrupción institucionalizada e de control partidista dos órganos xudiciais”, argumentou. E todo coa complicidade das forzas estatais perpetuando o peor do réxime do 78, incluídas PSOE e Podemos, como se constatou na “vergoñenta” renovación do Tribunal Constitucional.
Construír unha Galiza en grande
“Imos construír unha Galiza en grande que deixe atrás a Galiza en pequeno que nos lega o PP de Feixóo, porque o BNG ten confianza no País, no seu potencial e sabemos cara onde queremos camiñar: cara unha Galiza máis xusta, con servizos públicos fortes, á vangarda na loita contra a emerxencia climática, con base na ciencia e na innovación, con oportunidades para a mocidade, feminista, unha Galiza internacionalista e solidaria, que defenda os dereitos dos pobos e unha democracia de calidade”, enumerou a líder nacionalista.
Pontón reiterou a demanda dun novo “status político de nación” e autonomía financeira para Galiza, que pasa por ter aquí a chave dos nosos cartos. É a mellor maneira de “reequilibrar” a balanza e facer valer os intereses dos galegos e das galegas, “e iso pasa por ter peso político e capacidade para decidir aquí sobre os nosos asuntos”, recalcou, fronte ao centralismo do que tamén forman parte os lobbies económicos do IBEX, que actúa como aspirador dos recursos do país.
Como ENCE, como AUDASA ou como as eléctricas “ás que se abraza Feixóo”, paradigma de como espolian a electricidade que produce Galiza nos seus ríos e nos seus montes deixando destrución e despoboación do territorio mentres as grandes multinacionais engordan as súas contas de resultados. “Queremos que a enerxía se poña ao servizo da xente e das empresas galegas”, alegou na súa intervención, nun acto homenaxe ao PG no que tamén tomaron a palabra o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez.
“Mentres as forzas estatais se unen para adorar unha Carta Magna que deixou todo atado e ben atado, o BNG celebra os principios democráticos e republicanos que forman parte do ADN do nacionalismo galego desde as súas orixes. E estamos aquí para seguir escribindo novas páxinas na historia deste País”, destacou. “Imos derrotar aos que nos din que non é posíbel, facer realidade os nosos soños, con humildade, determinación e orgullo imos construír esta nación viva, o gran país moderno e con futuro, a gran Galiza que queremos e que merecemos”, concluíu.