Ana Pontón: “O BNG non vai aceptar a especulación do Porto que promove Feixoo”
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación A Coruña non se vende xunto co portavoz municipal, Francisco Jorquera, en defensa do patrimonio público da cidade en relación aos terreos do Porto interior, que deben pasar as mans dos e das coruñesas unha vez deixen de ter usos portuarios.
Ao inicio da marcha, Pontón deixou clara a posición do Bloque sobre este asunto, coherente e firme: condonación da débeda e devolución á cidade dos terreos para que sexa A Coruña quen decida como transformar a súa fachada atlántica, sempre baixo o criterio do interese xeral de desde o público.
“Tres reflexións, a primeira que non podemos permitir que esta cidade sexa discriminada, por que Valencia si, e A Coruña non? Porque por un lado o Goberno condona unha débeda de 300 M€ do porto da Valencia e aquí se pretende que unha obra do Estado sexa pagada polos coruñeses e polas coruñesas. Non imos permitir un novo agravio co noso País”, advertiu Pontón.
Pontón insistiu en que a especulación non é un modelo de futuro, senón un modelo de pasado e fracasado. E, terceiro, “hai que abrir un gran debate sobre o destino deste patrimonio e da gran transformación urbana que suporá, que permita á cidade abrirse ao mar, ganar espazos verdes, que permita acoller usos públicos no ámbito da innovación e da investigación.
De aí a importancia da mobilización social para, como se fixo no pasado, frear as nubes negras e as ansias de rapina arredor dos terreos do Porto da Coruña. Non se pode perder esta oportunidade, subliñou, tras criticar que o PSOE votase en contra da condonación da débeda no Congreso, “non vale dicir unha cousa aquí e a contraria en Madrid, en Valencia si, e na Coruña non con escusas de mal pagador, non se pode permitir”, concluío a líder do BNG, pedindo blindar o carácter público dos terreos fronte calquera manobra especulativa.