Ana Pontón: “O BNG impulsará novas medidas en materia de igualdade, tanto a nivel nacional como dende os concellos”
O Bloque rexistrará no Parlamento a Lei de creación da Valedoría da Igualdade, un organismo autónomo que velará dereitos das mulleres
“Esta xornada de traballo de máis dun centenar de mulleres amosa o noso compromiso firme coa igualdade os 365 días do ano”, indicou
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu a unha xornada de traballo entre máis dun centenar de mulleres do BNG impulsada nas vésperas do 8 de marzo para facer balance e poñer en común o traballo político dos próximos meses, tanto a nivel municipal como nacional. “Esta xuntanza é só unha mostra do noso compromiso firme coa igualdade e os dereitos das mulleres os 365 días do ano”, indicou a líder do Bloque.
Pontón declarou que “no BNG, entendemos que a actuación municipal debe desenvolverse en tres áreas: na participación e o acceso á información e aos recursos, na promoción da igualdade entre homes e mulleres, e na abordaxe integral da violencia de xénero”.
Por iso o BNG porá en marcha novas medidas como a aprobación de Plans de Igualdade Municipais, utilizando todos os recursos que sexan precisos para a súa difusión, implantación e avaliación. Ademais, a portavoz do BNG avanzou a posta en marcha dunha Lei para a introdución de cláusulas sociais e de igualdade nos procesos de contratación pública. “Isto é algo que o Bloque xa fixo durante este mandato no Concello de Moaña e que imos estender ao conxunto de concellos galegos a través dunha lei marco que abranga o conxunto da administración galega”, declarou.
Esta xornada de traballo de máis dun centenar de mulleres amosa o noso compromiso firme coa igualdade os 365 días do ano
Con respecto a isto, Pontón alertou tamén da necesidade de introducir a perspectiva de xénero de maneira transversal na xestión municipal, de combater a fenda salarial, de garantir a existencia de plans de igualdade nas empresas e de promover a conciliación e a corresponsabilidade
Pontón puxo de manifesto a importancia de seguir avanzando en igualdade e construíndo unha Galiza máis xusta e democrática, tamén para as mulleres, polo que indicou que “é fundamental deseñar unha axenda feminista galega. Unha folla de ruta coa que seguir ampliando dereitos e construíndo a Galiza da igualdade: concello a concello, vila a vila”.
Creación da Valedoría de Igualdade
Dende o BNG impulsáronse grandes avances lexislativos que fixeron e fan de Galiza un país á vangarda en materia de dereitos das mulleres e políticas feministas. “Aprobamos a Lei de violencia machista de 2007, unha lei vangardista impulsada por Carme Adán, como Secretaria Xeral de Igualdade, a Lei de violencia vicaria ou a Lei Ángeles Alvariño, sobre igualdade na ciencia e a investigación”, lembrou Pontón.
Ademais, os concellos BNG son referentes en políticas feministas de distintos xeitos: a través do reforzo dos servizos públicos municipais de atención ás mulleres, a través da creación de Consellos de participación; a través da introdución da perspectiva de xénero en todos os programas ou a través do impulso de campañas pioneiras como PrimAcoso, coa que visibilizar violencias machistas invisibilizadas.
Do mesmo xeito, indicou que o BNG seguirá avanzando e poñendo o foco nas desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres tamén a nivel nacional. Por iso, a próxima semana o Bloque rexistrará no Parlamento a Lei de creación da Valedoría da Igualdade, un organismo autónomo que velará polo respecto e a garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, con capacidade para impulsar sancións diante de situacións de discriminación por razón de xénero.
“Trárase dun organismo público que existe desde hai anos nos países nórdicos, cuxa creación recomendan as institucións europeas, e co que queremos situar a Galiza nos máis altos estándares de defensa da igualdade” manifestou a portavoz do BNG.
Medidas para rematar cunha desigualdade cuantificable
Nun momento no a desigualdade é real e, sobre todo, cuantificable, Pontón indicou que “ningún dereito está asegurado se non se defende día a día”.
Na actualidade as mulleres galegas cobran máis de 4.000 euros menos que os homes, soportan unha maior precariedade laboral que os homes, asinan o 77% dos contratos a tempo parcial, perciben unhas pensións o 25,7% máis baixas que as dos homes e, mentres o risco de pobreza descendeu no último ano entre os homes, entre as mulleres aumenta e hoxe hai 8.000 galegas máis que non poden chegar a fin de mes.
“Esta situación non é casual e deriva dunha situación de discriminación e dun feito material, medible e cuantificable, indicou a líder do Bloque, “porque as mulleres soportamos máis paro, máis temporalidade e máis parcialidade que os homes”.
“A desigualdade de xénero empobécrenos como mulleres e como sociedade” concluíu, poñendo de manifesto que “por iso estamos todas nós hoxe aquí. Para seguir traballando por unha sociedade de iguais na que as mulleres sexamos cidadás de primeira”.