Ana Pontón: “O BNG fará de Ourense un concello con espazos públicos de calidade, cultura e dinamismo económico”
Indicou que Ourense precisa un goberno BNG que represente a opción de presente e de futuro desde o rigor, a seriedade e o compromiso
“Temos un proxecto para darlle á cidade das Burgas unha gobernanza diferente colocando ás persoas no centro”, subliñou Seara
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu á na presentación dos eixes programáticos da candidatura do BNG na cidade de Ourense para o 28M, liderada por Luís Seara.
A líder do Bloque comezou apuntando que “o BNG ten un proxecto capaz de sacar a Ourense da parálise e da incompetencia, un proxecto en positivo para que esta cidade avance, progrese e mire ao futuro con optimismo e con esperanza”.
Pontón destacou o momento que vive Ourense, unha cidade preparada para abrir un tempo novo que só precisa “un rumbo claro que marque unha folla de ruta, e un liderado capaz de sacalo adiante: o de Luís Seara e o seu equipo”.
A portavoz nacional amosouse convencida de que “a maioría dos veciños e veciñas de Ourense queren que a cidade recupere pulso e que sexa coñecida como unha cidade que avanza, progresista e vangardista”. Pontón puxo varios exemplos de gobernos BNG, cualificándoos como “referentes dentro e fóra de Galiza” ao referirse a Pontevedra ou Allariz. “Hoxe Pontevedra é unha cidade libre de vítimas por atropelo de coches”, subliñou, apuntando que “o mesmo queremos facer en Ourense, onde lamentablemente a realidade é moi distinta”.
“Dende a humildade, pero tamén coa máxima ambición, modelo municipal do BNG está deseñado para aportar dinamismo económico, social e cultural, para mellorar a calidade de vida da cidadanía, para xerar oportunidades potenciando o tecido empresarial e comercial local”, declarou.
Os gobernos do Bloque dan resposta aos grandes retos que as vilas e cidades galegas teñen por diante, como o coidado do medio ambiental e o cambio climático ou a xestión dos residuos. “Falamos de cuestións claves que tamén temos que abordar desde os concellos, porque sabemos, hai que pensar globalmente, pero hai que actuar localmente”, apuntou Pontón.
Un Goberno BNG en Ourense: rigor, seriedade e compromiso
Pontón considera que “é o momento dun goberno BNG na cidade, que represente a opción de presente e de futuro para Ourense, cun modelo municipal de éxito, desde o rigor, a seriedade e o compromiso”.
Luís Seara presentou a súa proposta como “un proxecto para darlle un impulso a Ourense, para facelo avanzar e poñer capaz de poñer marcha unha cidade que volva ser acolledora, creativa, activa no económico, no social e no cultura, un Ourense sustentable e que aproveite todo o seu potencial, en particular arredor do recurso da auga. Un proxecto para darlle á cidade das Burgas un goberno diferente, que coloque ás persoas no centro e que volva a darlle aos veciños e ás veciñas o orgullo de ser de Ourense”.
Do mesmo xeito, a líder do BNG destacou a capacidade do equipo de Seara para construír un Ourense “orgulloso e capaz de aproveitar todo o seu enorme potencial”. “Temos un proxecto para abrir un tempo novo nesta cidade e por iso imos a por todas o 28M, con forza, coas ideas claras e con ilusión para traballar pola veciñanza desta cidade liderando o próximo goberno de Ourense”, concluíu.