Ana Pontón: “O BNG defenderá no Parlamento unha proposta de lei para blindar o financiamento da atención primaria”
Acompañou á veciñanza de Moaña, coa alcaldesa Leticia Santos á fronte, que leva 64 semanas manifestándose para que se reabra o PAC da vila
“Cómpre mudar a situación provocada por catorce anos de recortes do PP e recuperar unha sistema sanitario público forte”, indicou
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou Moaña para abordar coa alcaldesa Leticia Santos a situación da atención primaria nun concello que leva 64 semanas consecutivas reclamando a reapertura do PAC.
“O que sucede aquí é un exemplo do que está pasando coa atención primaria en moitos concellos galegos, como consecuencia de catorce anos de recortes do PP” indicou a portavoz do BNG. “En Moaña temos unha veciñanza que está defendendo con coraxe e constancia o seu dereito á saúde. Son un exemplo de loita, compromiso e dunha cidadanía que está comprometida coa defensa dos servizos públicos e da sanidade pública”, declarou.
Neste sentido, avanzou que “o BNG vai defenderá no próximo pleno do Parlamento unha proposición de lei para blindar por lei o financiamento necesario de atención primaria, até situalo no 25% do total dos recursos destinados á sanidade, como recomenda a OMS”.
“Cun PP que recortou en atención primaria 2.339 millóns de euros entre 2009 e 2023, Galiza atópase hoxe en día na metade desa porcentaxe dese investimento”, denunciou Pontón, avanzando que o BNG proporá un paquete de medidas para reverter esta situación coa intención de establecer un novo modelo baseado en tres piares fundamentais.
O primeiro pasa por contar con suficiencia financeira para blindar ese 25% do orzamento sanitario que se destinará á atención primaria. O segundo deles baséase na contratación do persoal sanitario necesario, “rematando coa precarización e coa fuga de médicos e médicas por esta causa”, apuntou. Finalmente, o terceiro, céntrase na dotación da atención primaria dunha carteira de servizos con novas especialidades imprescindibles para prestar unha atención integral, como psicoloxía clínica, podoloxía, fisioterapia ou logopedia, entre outras. “Isto permitirá descargar a presión asistencial e traballar a prevención”, indicou a líder do Bloque.
“Hai que mudar a situación actual da sanidade pública galega, produto de catorce anos de recortes do PP para desmantelar o público e favorecer o privado” concluíu, alertando da necesidade de recuperar unha sanidade pública forte e libre de recortes porque “en urxencias, cada minuto salva vidas”.
A veciñanza de Moaña reclama o seu dereito á saúde
En sintonía coa idea de Pontón de que “defender a sanidade pública é defender o dereito dos galegos e das galegas”, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, explicou como a veciñanza da vila leva 64 domingos ininterrompidos mobilizándose para recuperar o servizo de urxencias na vila.
“Para nós a volta do PAC e das urxencias a Moaña é algo fundamental, do que se nos leva privando dende o 2020”, declarou a actual rexedora da localidade denunciando que “agora mesmo todos os veciños e veciñas teñen que desprazarse ata Cangas”.
Santos aproveitou a ocasión tamén para manifestar a necesidade dunha ambulancia medicalizada no Morrazo para que “os sanitarios non teñan que deixar o PAC de Cangas descuberto cando hai unha urxencia que require desprazamento” indicando que dende a Xunta “están negándonos un servizo ao que temos dereito”.