Ana Pontón: “O BNG é a casa común de todas as persoas que queren Sumar por Galiza”
Ofrece “brazos abertos” para liderar o novo tempo político que vai empezar nas eleccións municipais. “Só o BNG garante un cambio real porque é o único que actúa coa cabeza e o corazón neste país”, proclama
Pide ambición para dar un “salto adiante” no apoio social e acabar co “silencio e abandono” que as fozas estatais reservan a Galiza
A portavoz nacional, Ana Pontón, proclamou nunha abarrotada Praza da Quintana que o BNG é “a casa común” na que caben todas as persoas que queren sumar por Galiza e pediu máis xenerosidade ca nunca “con todas os galegos e galegas que senten esta nación” para liderar o novo tempo político que, avanzou, terá o punto de partida nas eleccións municipais de 2019.
“O BNG é a casa común, o proxecto común deste pobo, e nel collemos todas e todas (...), o BNG é por esencia xeneroso, sexamos máis xenerosas que nunca e abramos ás portas a todas as persoas que queiran partillar con nós a defensa de Galiza e a busca dun futuro mellor. Con intelixencia, pero cos brazos abertos, sumemos e sumemos”, proclamou a líder nacionalista, porque “un edificio sólido pode construírse con diferentes materiais, non importa que tipo de madeira ou de pedra son, o que debe importarnos e que sexan auténticos e de calidade”.
“Galiza necesita un cambio de rumbo urxente que só pode representar o BNG porque é o único que ten a cabeza e o corazón neste país. É o noso reto. Este cambio ten que comezar nas vindeiras municipais de 2019. Sumando persoas e ideas, temos que ofertar a cada un dos concellos un proxecto nacionalista que poña en valor as potencialidades propias e permita avanzar cara un futuro mellor”, declarou.
Por contra, “non van vir solucións nin un futuro mellor dun Feixoó que tivo medo a un descalabro monumental pero que anuncia que partirá a Madrid en 2020 se o panorama do PP estatal está máis despexado. Non virán as solucións de futuro dun Feixóo nesa situación, nin dun PP que ocupa a Xunta de xeito rutineiro, sen ideas, sen proxecto, sen perspectiva mais alá do poder polo poder e da tapar as súas carencias coa propaganda”, advertiu.
Hai que pasar a páxina da irrelevancia política, evidente nunha moción de censura na que nin Galiza nin os problemas galegos foron sequera citados. “Estaban ocupados e preocupados en reforzar o bipartidismo monárquico. Ese é o papel e o futuro que reservan a Galiza as forzas políticas estatais: O silencio, o desleixo, o abandono. Tanto da Xan que Pericán”, recalcou.
Sumar para liderar un país mellor
Por iso, Galiza necesita un BNG “forte, expansivo e optimista, que dea resposta aos problemas do presente e debuxe a perspectiva dun futuro mellor”, un BNG capaz de sumar por Galiza para liderar o novo tempo político que arrancará nas eleccións municipais. “Sumar por Galiza é defender emprego digno, salarios decentes, igualdade e o dereito a vivir e a traballar neste país. Temos un futuro prometedor por diante se confiamos nas nosas propias forzas”, proclamou.
A día de hoxe, salientou a dirixente nacionalista, este Bloque “cohesionado e coas ideas claras” representa “a única alternativa real e seria ao desgoberno do PP”, por iso, -subliñou-, “unha parte moi substancial da sociedade galega está mirando cara nós e venos con esperanza. Estamos nunha boa situación para dar un gran salto adiante, así que fagámolo posible”, animou Pontón.
E nesa dirección, a líder do Bloque pediu a militancia e simpatizantes afrontar os vindeiros comicios “coa confianza e a convicción de que podemos dar un gran salto adiante. Non nos autolimitemos, sexamos inconformistas e ambiciosos e dirixámonos ás maiorías sociais, (...) que ve como transformamos en referentes de calidade de vida os pobos, as vilas e cidades nas que gobernamos”. Porque, recalcou, nos concellos e nas deputacións “somos garantía de honestidade, compromiso e de rigor en defensa dos intereses dos galegos e das galegas”.
“Cando o BNG confía nas potencialidades do noso pobo e cando o noso pobo confía no BNG, os resultados son impresionantes”, concluíu, proclamando o seu orgullo por ser parte dunha forza política que defende que Galiza é unha nación é ten dereito a autodeterminación, “e ninguén nos vai roubar o dereito a soñar e a facer realidade os nosos soños”.
Delegacións convidadas
No escenario representantes des forzas nacionalistas do Estado e doutras nacións sen Estado de Europa. Entres elas Esquerra, Poble Lliure, Bloc Valenciá, PNV, EH-Bildu, Sortu, EA, Mes per Mallorca, ALE, FPLP, Sinn Fein ou Bloco de Esquerdas.