Ana Pontón: “O Bloque ten que liderar a Xunta en 2020 para que haxa garantía de cambio real”
Ante máis de 200 cargos municipais, insta a ensanchar o avance do BNG, para “dar o salto” que permita desaloxar a Feixóo nas eleccións galegas
“Ofrecemos algo único: un proxecto de país, xenuíno e pensado desde Galiza”, salienta, fronte ao modelo centralista de PP, PSOE e Podemos,
O BNG congregou na capital de Galiza a máis de 200 responsables municipais aos que a portavoz nacional, Ana Pontón, instou a dar o mellor de si para traballar desde xa “no gran reto” que son as eleccións galegas de 2020. Convencida de que Feixóo é o pasado, a líder nacionalista proclamou que só o Bloque é garantía dun cambio real nese novo tempo político que levará ao PP á oposición.
“Para abrir este novo ciclo é condición necesaria desaloxar ao PP, pero iso só non chega. Para abrir un novo tempo, o BNG ten que liderar a Xunta porque somos a garantía dun cambio real e transformador, de políticas ao servizo das maiorías sociais, capaces de enfrontar os cambios estruturais que Galiza necesita”, explicou Pontón, tras explicar porqué o Bloque marca a diferencia con respecto a outras propostas políticas.
“Ofrecemos algo único e importante: un proxecto de país, xenuíno e pensado desde Galiza, que aposta por aproveitar o enorme potencial e a capacidade que temos”, recalcou, tras salientar que a solución “non vai vir de fora” da man de forzas co centro de decisión en Madrid “que teñen convertido nun triste espectáculo a política estatal”.
A celebración deste cumio de política municipal proba até que punto o Bloque considera importante de cara ao reto das eleccións galegas o traballo nos concellos, tanto desde o goberno como desde a oposición. “Sodes o máis valioso para transformar este país”, recalcou Pontón ante alcaldesas, alcaldes, concelleiros e concelleiras.
“Ninguén discute que o BNG está á alza, que somos unha forza sólida, coherente e cun proxecto claro, e temos que seguir ensanchando esa corrente de simpatía porque será clave para que en 2020 deamos o salto adiante que nos permita poñer punto final ao decenio negro de Feixóo e abrir un novo ciclo en Galiza”, argumentou.
De cara a esa cita coas urnas, a primeira escala é a celebración do Día da Patria, que o Bloque quere aproveitar para visibilizar a súa fortaleza social e organizativa.
“Fagamos deste 25 de Xullo a primeira gran mobilización para impulsar ao BNG e conquistar a Xunta en 2020 logrando que nin unha soa persoa que queira cambio en clave de país quede na casa. A esperanza é o motor que hai que poñer a funcionar para transmitir que nada é imposíbel e que o avance do proxecto nacionalista é imparábel. Estou convencida que entre todos e todas imos conseguir este obxectivo”, proclamou Pontón.
Tras destacar que o Bloque ten implantación no 90% dos concellos, a líder nacionalista instou “a traballar coordinadamente” como corresponde a unha organización “con proxecto de país no que os concellos son unha peza clave, fuxindo de localismos estériles tan do gusto das forzas estatais para desdebuxar a nosa identidade”.
“Non somos unha suma de concellos, somos un pobo e unha nación cuxo futuro pasa por ter unidade de país”, recalcou, para volver destacar que “o traballo municipal do BNG é o mellor espello para ver que outra Galiza é posible”. E para iso, non hai fórmulas máxicas, ironizou, senón poñer en práctica nas vilas e cidades “alternativas propias, centradas na nosa realidade e demostrando que somos capaces de mellorar a vida das persoas e de facer avanzar este país”.
Alternativa á falta de proxecto de Feixóo
Porque Galiza ten recursos e capacidade “para poder crear emprego de calidade e ter servizos de primeira”, indicou como réplica á mensaxe de quen se empeña en dicir “que non somos quen de valernos por nós mesmas”.
“Non fallou o país, nin a xente do país, fallou un goberno de Feixóo sen proxecto de futuro e incapaz de poñer en marcha o talento e o potencial que temos” e, fronte a esa falta de rumbo, “está organización está preparada para darlle un novo impulso a Galiza, cun proxecto capaz de xerar emprego apostando polos sectores produtivos, que poña fin ao espolio enerxético, que faga do talento e da innovación un eixo clave para avanzar nun país mellor”.
Para construír esa Galiza con futuro, o BNG ofrece “un proxecto común no que hai sitio para todos e todas as que queiran traballar polo ben deste país, polo ben dos e das galegas”, concluíu.