Ana Pontón: “Balance cutre dos 100 primeiros días dun Goberno do PP rutineiro"

Reunión do grupo parlamentar

Neste contexto, o goberno alternativo do BNG redobrará esforzos na defensa dos servizos públicos, os sectores produtivos, o acceso á vivenda, a atención ás persoas maiores ou en darlle futuro á mocidade

Fronte á incapacidade de Rueda para defender aos galegos e ás galegas no Estado, o Bloque suma un novo logro: avance no tren de proximidade

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou o pobre balance, “mesmo cutre”, dos cen primeiros días dun Goberno do PP “rutineiro”, instalado “na propaganda e nos anuncios”, que segue “desmantelando os servizos públicos” e gobernando para “os grandes lobbies, as multinacionais e as empresas amigas do Partido Popular”, totalmente “submiso á estratexia que lle marcan desde Madrid”.

Pontón sintetizou deste xeito o balance destes cen primeiros días do Executivo de Alfonso Rueda, logo da reunión do goberno alternativo do BNG que neste contexto, avanzou, “redobrará esforzos na defensa dos servizos públicos e dos sectores produtivos” ou en cuestións tan importantes para os galegos e as galegas como “o acceso á vivenda, a sanidade, a atención ás persoas maiores” ou en “darlle futuro á xente moza”.      

A líder nacionalista criticou ao Goberno do PP que tape “con anuncios e propaganda” a súa incapacidade para atender os problemas reais dos galegos e das galegas, o que exemplificou no ámbito da vivenda, no que tras 15 anos de total abandono da política social de vivenda anuncia agora a construción de 20.000 novos pisos, 4.000 da Xunta. Un “engano de Rueda ás persoas que buscan desesperadamente vivenda”, advertiu, “porque sabe perfectamente que non vai facer en catro anos o que non fixo en quince”.

Pontón tamén puxo o foco na falta de “impulso e proxecto de país” dun Executivo que “repite as mesmas receitas fracasadas de sempre”, como se pode comprobar na sanidade pública, no que continúa o recorte de médicos e médicas nos centros de saúde ou o peche de camas no verán.

“Seguimos con miles de nenos e nenas sen pediatra asignado, cunha atención primaria colapsada”, recordou a portavoz nacional, quen recriminou ao PP que siga “botando balóns fóra”, sen “a máis mínima capacidade de anticipación e de resolución” pese a levar 15 anos na Xunta.

“Un goberno rutineiro e insensible que segue empeñado en recortar e en privatizar servizos públicos básicos e que rexeita todas as propostas do BNG para avanzar en benestar social”, afondou, para recordar a continuación o acontecido no último pleno do Parlamento, no que o PP votou en contra de mellorar as condicións laborais das persoas que traballan no Servizo de Axuda no Fogar, maioritariamente mulleres, e de mellorar o financiamento dun servizo esencial como é o SAF.

Falta de diálogo dun PP instalado na confrontación estéril

Un exemplo que tamén serve para evidenciar a “falta de diálogo” dun Goberno instalado “na confrontación estéril” e que pisou o acelerador da manipulación dos medios públicos, utilizando a TVG como unha “extensión” do seu gabinete de comunicación. “Durante estes cen días non recibín nin unha soa chamada do señor Rueda por ningún asunto, nin sequera para abordar unha cuestión tan importante como o modelo de financiamento”, advertiu neste sentido.

Mais o balance destes primeiros cen días tamén confirma para o BNG a un Executivo do PP que “goberna para os lobbies, para as multinacionais e para as empresas amigas do PP”, aínda que isto supoña “poñer en risco o medio de vida de miles de familias, sectores estratéxicos e ir contra o medio ambiente”, advertiu Pontón.

“Un goberno que se pon do lado dunha multinacional canadiana para reabrir a mina de Touro e que se pon de parte da multinacional portuguesa ALTRI impulsando unha macrocelulosa no corazón do País”, incidiu para referirse deste xeito a “dúas bombas contaminantes” que supoñen un risco para o rural e para a o marisqueo.

Reunión do grupo parlamentar

“As multinacionais por riba da xente do mar e do rural”, sintetizou, logo de advertir que o Executivo de Rueda confirmou tamén nestes primeiros cen días que vai seguir adiante co “espolio eólico” do lado das eléctricas e que é un goberno “totalmente refén e submiso do PP de Madrid”, entregado á estratexia que lle impoñen dende a rúa Génova, aínda que iso supoña ir en contra de Galiza.

Logros do BNG na negociación co Estado fronte á incapacidade de Rueda

Neste sentido, Pontón tamén criticou a “incapacidade” de Rueda para defender os intereses dos galegos e das galegas no Estado, o que confrontou co traballo do BNG para lograr colocar a axenda galega con logros concretos como o impulso do tren de proximidade.

Polo tanto, e fronte a un PP incapaz de aportar solucións, a líder nacionalista avanzou que o goberno alternativo do BNG vai redobrar esforzos na defensa dos servizos públicos e dos sectores produtivos co obxectivo de garantir que a riqueza do País se poña ao servizo das empresas e das familias.

“Sanidade, acceso á vivenda, modelo enerxético, darlle futuro á xente moza, son algunhas das prioridades de traballo do BNG”, explicou, para estender ese mesmo esforzo a que Galiza non quede atrás en materia de financiamento, competencias ou investimentos.

“Seguiremos facendo propostas alternativas porque a cada crítica aportamos unha solución, en todos os temas clave relevantes: enerxía, ciencia e innovación, industrialización, vivenda, atención ás persoas maiores, servizos públicos despoboación ou rexeneración das rías”, enumerou logo de recalcar que o Bloque realiza as súas propostas dende o diálogo co conxunto da sociedade.

“Estamos nun momento de grandes retos e Galiza non pode perder tempo nin oportunidades cun goberno do PP que vai seguir practicando, catro anos máis, as mesmas receitas fracasadas que nos levaron ata aquí, a ter unha Galiza que retrocede pese a que o ten todo para avanzar”, concluíu.