Ana Pontón: “O AVE é a crónica dunha discriminación con Galiza”
O BNG valora que a alta velocidade bote a andar, pero lembra que chega 29 anos tarde polos incumprimentos dos Gobernos de PP e PSOE
Denuncia que se está desmantelando o transporte por tren fora do eixo atlántico pese a ser o futuro nunha estratexia contra a emerxencia climática
A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo unha valoración da chegada da alta velocidade a Galiza despois de que hoxe tivese lugar a viaxe de proba entre Madrid e Ourense, -a segunda inauguración que fai Feixóo-, destacando que o BNG lle da a benvida ao AVE, pero sen esquecer que a alta velocidade é a crónica dunha discriminación con Galiza.
“A chegada do AVE a Galiza é a crónica dunha discriminación dos sucesivos gobernos do PP e do PSOE, tras décadas soportando anuncios que nunca se cumpriron, e iso pasou con executivos de uns e outros alternándose na Moncloa”, indicou. “O AVE ía chegar no 2009, no 2012, no 2016, no 2018, no 2019..., estamos no 2021 e aínda hoxe os galegos e as galegas non poden viaxar en alta velocidade, mentres outros territorios levan 25 anos desfrutando desta infraestrutura, aquí levamos 25 anos soportando mentiras, enganos e incumprimentos. Espero que, por fin, se peche esa discriminación”, indicou a líder do Bloque, pronunciándose nun asunto que se colou no debate dos orzamentos para 2022.
Por contra, argumentou, en paralelo a este agravio, os gobernos centrais de PP e PSOE si avanzou no “desmantelamento” do tren ao longo e ancho de toda Galiza, de tal xeito que, fora do eixo atlántico, é case imposible moverse por tren no interior de País, mesmo con capitais de provincia, como Lugo, que non ten conexión directa con Santiago. E que dicir da case imposibilidade de viaxar en tren desde vilas intermedias, -como Verín, O Carballiño, Sarria, Monforte, etc-, ou mesmo para comunicarse entre núcleos urbanos que forma parte da mesma comarca, como Ferrol e A Coruña.
O que debería ser un dos transportes de futuro, nun momento de aposta por unha transición enerxética e unha mobilidade verde, “aquí se encargan de desmantelalo e cada vez hai menos trens, máis vellos, con menos horarios e máis caros. Expulsan aos galegos e as galega do uso do tren en pleno século XXI”, denunciou.