Ana Pontón avanza que a súa prioridade liderando o goberno da Xunta será promover un acordo de país para a reactivación económica
“Imos a unha situación excepcional que require medidas excepcionais no campo da economía e do emprego para erguer o País”, alega a candidata á Presidencia
Pide “blindar nas urnas” á universidade pública, -clave para unha recuperación baseada na I+D+i-, e desbaratar o plan privatizador anunciado por Feixóo
A crise do coronavirus ten xa un impacto brutal na economía e por iso o BNG traballa desde o inicio da pandemia nunha estratexia que permita a reactivación económica e social “para erguer o país e evitar que esta crise faga máis profundas as fendas socias, tendo como obxectivo a defensa dos dereitos dos e das traballadoras, das Pemes, do colectivo de persoas autónomas e do tecido produtivo”, explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras un encontro coa comité de expert@s promovido polo Bloque precisamente para formular propostas que permitan dar un futuro a Galiza post COVID19.
Nese encontro, no que se analizaron propostas e estratexia ante a crise, Pontón salientou que a primeira medida que adoptaría desde o Goberno da Xunta que aspira a liderar é promover un gran acordo para sacar adiante ao país e maioría social.
“Imos a unha situación excepcional que vai requirir medidas excepcionais por iso quero insistir nunha proposta moi clara: a miña primeira medida como presidenta da Xunta irá destinada ao campo da economía e do emprego. O primeiro será liderar un gran acordo de país co conxunto dos axentes económicos, sociais e políticos para poñer en marcha unha estratexia de reactivación económica e social que a Galiza necesita”, salientou a candidata do BNG á Presidencia.
O Bloque, subliñou, non vai permitir que se repitan os erros de 2008, nin moito menos que a crise a volvan pagar “os de sempre”. Por contra, urxe recuperar os 60.000 M€ de rescate bancario “fundamentais agora para sacar o país adiante”, superar as políticas “austericidas” da UE e do Goberno central e evitar que se poidan rebaixar salarios ou pensións nunha Galiza que xa está a cola en ambas.
Fronte a un Executivo do PP “fosilizado”, Pontón propón un cambio real que dea paso a un liderado “valente e firme” na defensa do país e dos intereses dos e das galegas. O BNG aposta por un cambio galego con tres elementos centrais: liderado político, defensa da capacidade de producir e posta en marcha dun modelo produtivo no que a I+D+I sexa un piar clave e a universidade pública un axente principal como xerador de ciencia e coñecemento.
“Urxe unha aposta estratéxica pola I+D+i, non se pode desenvolver un país con futuro sen ciencia, investigación e coñecemento, relegados na década de goberno do PP, e para iso é fundamental ter un sistema universitario forte. Estes días vimos como o PP quere debilitar a universidade pública, cargarse o sistema universitario e favorecer os intereses privados, cando o que precisa Galiza é xusto o contrario, precisa un goberno que faga unha aposta estratéxica polo coñecemento que teña como preza clave un sistema universitario mais forte”, salientou Pontón.
“Xa sabemos cal é o deseño que ten o PP por moito que en precampaña o esconda ante o malestar que provocou a súa proposta, sabemos cal é o seu modelo e o 12X tamén temos que face unha proposta para que a universidade pública se blinde nas urnas”, recalcou a líder nacionalista.
Unha denuncia a que tamén se suma o ex reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, un dos integrante do Comité de reactivación económica e social constituído polo BNG.
“Pode tratarse unha vez máis de reducir custes e acudir a un modelo máis desregulado para favorecer a súa mercantilización. Concretamente, esta implantación do ensino virtual favorece a aparición de empresas privadas pois diminúen os requisitos que habería para a implantación destas universidades, abaratarían os custes, incrementarían os beneficios e mesmo poderían reclutarar profesores escedentes das universidades públicas”, advertiu Armesto.
Pola súa parte, a investigador María de la Fuente, tamén membro do comité promovido polo BNG, destacou que a I+D+i é clave para a recuperación económica e pediu medidas para acabar “coa precariedade” do sector da investigación, “que aínda así está respondendo ben ante esta crise”. Investir en formación e en educación, promover un modelo baseado no coñecemento é riqueza para o conxunto da sociedade”, declarou, tras asegurar que a ciencia básica é imprescindible para encarar esta crise e as que poidan vir.
Axudas directas ao colectivo de autónomo@s
Pontón citou algunhas das propostas que o BNG considera necesario desenvolver de cara ao rescate da economía real e da promoción do emprego, como a derrogación da reforma laboral, adopción de medidas para mellorar as condicións laborais das autónomas e autónomos, -para os que a formación nacionalista propón unha axuda de pago único de até 2.000 €-.
Igualmente, aposta por “un marco flexíbel” para ter máis recursos á hora de incorrer en déficit e débeda; que sexa Galiza quen xestione directamente os fondos europeos que lle corresponden, mobilización de recursos estatais concretado na creación dun fondo extraordinario dirixido á loita contra a COVID-19; un novo modelo de financiamento, -“que lle permita ao país ter a chave dos seus cartos”-, e unha tarifa eléctrica para que esa riqueza beneficie a familias e empresas do país.
DESCARGAS: