Ana Pontón avanza en Ribeira un plan de rexeneración das rías que incluirá a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano
Comprométese a que a residencia de maiores prevista para As Saíñas será 100% pública porque “non imos permitir que se faga negocio coa vellez”
Pídelle a Rueda que rectifique e acepte un cara a cara coa líder da oposición: “Non hai que terlle medo á democracia”
A candidata á Presidencia, Ana Pontón, comprometeuse en Ribeira a por en marcha un plan de rexeneración das rías, incluíndo a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano, co obxectivo de recuperar a produtividade perdida. “Galiza é unha nación pesqueira e marisqueira e queremos que siga sendo así, e iso pasa pola limpeza integral das nosas rías, tanto por razóns ambientais como de xeración de riqueza e emprego”, proclamou no mitin celebrado en Ribeira, no que tamén participaron a número dous da lista pola Coruña, Rosana Pérez, o tamén candidato Carlos Callón, e o alcalde, Luís Pérez Barral.
“O goberno que aspiro a presidir vai cumprir con Ribeira e a coa comarca do Barbanza”, garantiu a candidata nacionalista, que subliñou que entre as prioridades do Goberno do BNG vai estar a defensa do sector da pesca e o marisqueo, clave para a economía galega e que hoxe, asegurou, está en risco debido á perda de produtividade das rías, que en algunhas especies pode chegar a ser do 80%, polo elevadísimo nivel de mortaldade de ameixa, berberecho ou navalla. “Non podemos permitir que se poñan en risco centos de postos de traballo mentres o Partido Popular está cruzado de brazos”, engadiu.
O compromiso do BNG con Ribeira e a súa comarca pasan tamén por unha mellora dos servizos públicos, tanto en educación, como en sanidade ou nos coidados das persoas maiores, “que merecen desfrutar dunha vellez tranquila nas súas propias casas”.
Nesta liña, avanzou que o goberno liderado polo BNG vai poñer en marcha un novo modelo de coidados que dará prioridade a atención no fogar, para que os maiores desfruten desa etapa da súa vida nas súas propias casas. Entre as medidas concretas ás que fixo referencia, destacou que se duplicará o persoal para reducir as listas de agarda en dependencia ou que se reforzará con 84 millóns de euros o servizo de axuda no fogar.
“Queremos un modelo de coidados no que a residencia sexa a última opción, pero en todo caso, a residencia deber ser pública, e fronte ao modelo privatizado do PP, o BNG aposta polo público”, subliñou. De aí o seu compromiso de que a residencia que está prevista para As Saíñas será 100% pública e de xestión pública. “Non imos permitir que se faga negocio coa vellez”, garantiu.
Máis solo empresarial para atraer empresas á comarca
Pontón adiantou, por outra banda, que como presidenta vai traballar para dotar á comarca do solo empresarial que precisa para facilitar a implantación de empresas e proxectos industriais que permitan crear riqueza e postos de traballo. “Ribeira, expuxo, leva 36 anos sen ter nin un só novo metro de chan industrial, e iso é un freo ao desenvolvemento de Ribeira e de toda a comarca. Vou levantar ese freo e poñer o acelerar na creación de solo empresarial para que non se perda ningunha oportunidade”, afirmou.
Durante a súa intervención, incidiu en que Galiza precisa un goberno e unha presidenta que aporte solucións para deixar atrás os quince anos de nefasto legado que deixa o PP. Neste sentido, apelou a unha mobilización masiva que permita poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos concentrando o voto de cambio no BNG e incidiu en que cada vez máis xente está xirando a mirada cara ao Bloque, farta das vellas receitas fracasadas dos de sempre. “Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferente”, animou.
Pontón preséntase como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor á que se dirixiu para dicirlle que non importa que papeleta colleron noutras eleccións, “son a candidata de todas as persoas que queren cambio e que saben que a maneira de conseguilo é apostando polo BNG”, engadiu.
A toda esa cidadanía comprometeu un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias e das empresas; que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas.
Un goberno, recalcou, capaz de pensar Galiza en grande e sen límites centralistas xa que, segundo concluíu, “a min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo”.
A Rueda: “Non hai que terlle medo á democracia”
A candidata á Presidencia aproveitou o mitin de Ribeira para solicitar a Alfonso Rueda que “non se agoche” e acepte debater no cara a cara que o BNG vén propoñendo desde que se iniciou a precampaña. “Despois do que vimos no debate da TVG enténdese perfectamente por que o señor Rueda non quere debater comigo, por que se nega a un cara a cara coa líder da oposición”, ironizou Pontón.
Subliñou, neste sentido, que os debates non son un “capricho” dos candidatos, senón un dereito dos galegos e as galegas que -apuntou- “estarían moi interesados en ver un cara a cara entre as dúas persoas candidatas con máis posibilidades de presidir Galiza” . “O que eu propoño é un debate como o que houbo nas pasadas eleccións xerais entre Sánchez e Feijóo, pero Rueda non quere, nin quere ir ao debate da TVE, ni quere debater comigo”, lamentou, convencida de que si o candidato do PP segue agochado “é porque non ten nada que ofrecer e porque sabe que a súa xestión é un desastre e sabe que nos deixa unha Galiza peor”.
“Eu pídolle que rectifique, que non se esconda, e que debata comigo. Chámase democracia e non hai que terlle medo a democracia señor Rueda”, concluíu.