Ana Pontón avanza que o BNG utilizará todos os medios legais para defender o seu dereito a controlar ao Goberno se o PP non levanta o veto na comisión de investigación

Ana Pontón e Olalla Rodil
“A súa deriva autoritaria e antidemocrática sen precedentes non vai calar ao BNG á hora de investigar os chanchullos do Partido Popular”, advirte

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG usará “todos os mecanismos, todas as vías legais” ao seu alcance para defender o seu dereito e o seu deber como deputados e deputadas a exercer o control sobre o Goberno, se o PP non levanta o seu veto na comisión de investigación sobre os seus chanchullos na contratación pública.

“A súa deriva autoritaria e antidemocrática non vai calar ao BNG”, advertiu Pontón a Alfonso Rueda nunha sesión de control na que reclamou ao titular do Executivo que rectifique o veto ao plan de traballo do Bloque na comisión e permita que comparezan os principais responsables do obxecto da investigación e chegue ao Parlamento toda a documentación solicitada pola formación nacionalista.

A portavoz nacional acusou a Rueda de traspasar “todas as liñas vermellas” vetando o plan de traballo do BNG nunha decisión que constitúe un auténtico “disparate”, dado que o PP está vetando a documentación e as comparecencias solicitadas pola formación política que crea a comisión de investigación.

“Alguén se imaxina que nun xuízo se impida comparecer aos principais implicados e só se escoiten as testemuñas dunha parte?”, cuestionou, para concluír a continuación que isto é precisamente o que están facendo os populares. “E todo para salvar ao señor Feijóo de ter que explicar os contratos a dedo á empresa da súa irmá neste País; todo para salvar ao soldado Ryan”, denunciou.  

Neste sentido, recordou que a empresa dirixida en Galiza pola irmá do expresidente da Xunta recibiu 1.311 contratos a dedo por valor de cinco millóns de euros entre os anos 2018 e 2023, período ao que alude o BNG dado que, recalcou, o PP segue incumprindo a Lei de Transparencia e segue sen publicar todos os contratos a dedo realizados desde 2013.

Así mesmo, tamén se referiu aos 15 millóns que se levou durante a pandemia a empresa da que é directivo o cuñado de Feijóo, unha das compañías máis beneficiadas da contratación realizada pola Xunta en tempos da COVID, tal e como puxo de manifesto o propio Consello de Contas.

Pontón indicou que o PP tamén tería que explicar na comisión de investigación o sobrecusto de 470 millóns do hospital Álvaro Cunqueiro “mentres a área sanitaria de Vigo non garante nin tan sequera o servizo de radioterapia á xente enferma de cancro”.

“Iso é do que estamos falando e todo isto é o que vostedes queren ocultar”, reprochou a Rueda, ao que preguntou por que lle ten tanto “pánico a que se investigue”. “Se non teñen nada que ocultar, por que vetan as comparecencias, por que vetan as peticións de información?”, interpelou.

A líder nacionalista afirmou que, no que respecta á comisión, o PP reproduce o seu manual “cando se sente acurralado pola corrupción”: primeiro, negar os feitos; despois vetar a creación da comisión; e, unha vez creada grazas ao BNG, “torpedeala desde dentro, vulnerando as máis elementais normas de funcionamento democrático da Cámara”, denunciou.

E todo co obxectivo, non só de tapar os seus chanchullos, senón para evitar que o máximo responsable do que se está investigando na comisión, o señor Feijóo, “veña a render contas e responda ante os representantes da cidadanía”, incidiu.

Pontón enmarcou esta actitude na “deriva autoritaria e antidemocrática” dun PP que despreza aos máis de 715.000 galegos e galegas que votaron a outras forzas políticas, “unha prepotencia”, recalcou, que demostra cando impide debates en comparecencias, cando agocha os contratos de urxencia da pandemia e os adxudicados a empresas vinculadas a cargos propios ou cando vulnera a Lei de Transparencia.

Mais tamén, ao converter a TVG “no seu aparato de propaganda”, exercendo un “control obsesivo” para enganar e manipular á cidadanía, tal e como denuncia non só o Bloque, senón as e os traballadores da compañía dende hai cinco anos cos seus ‘Venres Negros’ e agora cunha folga indefinida e aos que a portavoz nacional trasladou todo o apoio do BNG.

“A maioría absoluta subíuselles á cabeza e pensan que poden facer o que lles pete e, por iso, atacan a quen se atreve a criticar ao Partido Popular”, afeou, para denunciar os ataques do PP a institucións como o TSXG, o Consello da Cultura ou o Consello de Contas, pero tamén á cidadanía, cando se manifesta masivamente contra os recortes en sanidade e en educación, contra Altri ou contra o seu espolio eólico.

O último exemplo, apuntou, “o seu ataque contra as persoas que se manifestaron para defender o galego do seu acoso ao galego”, reprochou a Rueda, a quen recriminou a súa deriva antidemocrática. “Sabiamos que era un presidente desleal, agora sabemos que é tamén un presidente autoritario e antidemocrático”, recalcou.

Pontón lamentou que o PP crea que por ter maioría absoluta a oposición “ten que estar calada” cunha “mordaza” similar a que impón aos medios públicos, pero recordou que “maioría absoluta non é absolutismo” e reiterou que o Bloque vai empregar todas as vías legais para evitar que se vulnere o dereito fundamental a exercer o labor de control ao Executivo. “Ao BNG non o amordaza ninguén e imos poñer luz onde vostedes queren que haxa escuridade”, concluíu.