Ana Pontón avanza que o BNG utilizará a súa forza parlamentaria para defender os intereses de Celanova e A Baixa Limia
A portavoz nacional mantén un encontro en Celanova coa militancia da comarca á que felicita pola súa contribución ao histórico resultado do 18F
A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con militantes e simpatizantes de Celanova e A Baixa Limia aos que trasladou o seu agradecemento e felicitación polo seu traballo, que contribuíu a que o BNG obtivese un resultado histórico nas eleccións do pasado 18 de febreiro con 25 deputados e deputadas no Parlamento galego.
Pontón salientou que este resultado dá ao Bloque unha forza sen precedentes para defender os intereses de toda a veciñanza de Celanova e A Baixa Limia. “Contamos en Ourense con catro deputadas e deputados que van levar ao Parlamento todos os problemas desta comarca, dos seus concellos e da súa veciñanza”.
“Seremos a súa voz”, recalcou para subliñar a continuación o compromiso do BNG non só para trasladar os problemas da comarca, unha das máis importantes de todo Ourense, senón para poñer enriba da mesa “medidas concretas que acheguen solucións” para mellorar a vida dos seus veciños e veciñas.
A líder nacionalista parabenizou á militancia polo esforzo e traballo desenvolvidos, “homes e mulleres implicados e implicadas” co futuro de Celanova e A Baixa Limia, aos que animou a seguir co seu labor para impulsar a unha comarca que, pese á súa enorme riqueza patrimonial e natural, lamentablemente está quedando atrás porque non conta co apoio que merece por parte das distintas administracións.
Neste sentido, Pontón concluíu a súa intervención emprazando a militantes e simpatizantes a continuar co labor desenvolvido nos últimos anos tamén de cara ás próximas eleccións europeas, unha cita electoral na que Galiza e a comarca se xogan moito porque é no Parlamento Europeo onde se toman decisións que afectan de cheo a sectores como o agrario ou o vitivinícola.