Ana Pontón avanza que o BNG fará oposición en positivo e a favor dos galegos e das galegas cun grupo parlamentario reforzado
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o grupo parlamentario do BNG, reforzado logo das eleccións do pasado 18 de febreiro nas que obtivo uns resultados históricos con 25 deputados e deputadas, “fará unha oposición en positivo, centrada en mellorar a vida das persoas e en poñer sobre a mesa alternativas”.
Así o afirmou logo da sesión constituínte do Parlamento galego cara a unha lexislatura na que o Bloque empregará todo o apoio obtido nas urnas todo co que se comprometeu coa cidadanía durante a campaña electoral.
“Estes 25 deputados e deputadas van servir para seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, unha mellor atención ás persoas maiores, un cambio de modelo enerxético, o medio ambiente ou para darlle futuro á mocidade”, exemplificou para advertir que as eleccións galegas “non cambian cales son os problemas que ten a cidadanía”.
Por iso, Pontón recalcou que a formación nacionalista fará “o que entendemos que é facer política” e que pasa por poñer no centro ás persoas, con solucións para mellorar a súas vidas e evidenciar, deste xeito, que “hai outras alternativas diferentes ás que representa o Partido Popular”.
Neste sentido, dixo agardar que o PP tome nota de que “case a metade das persoas que votaron nas pasadas eleccións apoiaron a outras forzas políticas” e que, polo tanto, “debe escoitar á oposición”.
Pontón reclamou que esta “non sexa de novo unha lexislatura na que se confunda a maioría absoluta co absolutismo”, na que “se pase o rodillo” ou na que non se queira chegar a ningún acordo de País nin a ningún acordo co BNG, forza que representa “a alternativa ao PP” e “encabeza a oposición”, subliñou, tal e como deixou claro a cidadanía nos comicios do pasado 18 de febreiro.
“Creo que o Goberno do PP faría mal en non querer escoitar a toda esa cidadanía que apoiou a outras forzas políticas e confundir a súa maioría absoluta co absolutismo”, resumiu.
Preguntada pola composición da Mesa do Parlamento, a portavoz nacional destacou a coherencia do Bloque ao facilitar a presenza do PSdeG porque “sempre quixemos que houbera esa representación da pluralidade da sociedade galega na Mesa”. “Nós sempre actuamos con xenerosidade en política e creo que o Parlamento gaña con esa representación máis plural e que estivo sempre na intención do BNG”, indicou.
Por último, e tamén a preguntas dos medios, Pontón explicou que os 25 deputados e deputadas nacionalistas utilizaron a mesma fórmula para tomar posesión das súas actas que emprega o BNG nos últimos anos e que evidencia o seu compromiso na Cámara galega, “que é o compromiso cos dereitos da cidadanía e cos dereitos de Galiza”, concluíu.