Ana Pontón avanza as propostas do goberno alternativo do BNG en relación ás VUTs: limitar o número e poñer topes temporais
Galiza multiplicou por cinco o número de VUTs até elevalo a 25.232 inmobles que maioritariamente estaban dispoñibles para aluguer habitual
Pide a Rueda que deixe de ser parte dun problema é actúe ante unha realidade que está deixando fora do acceso á vivenda a miles de persoas
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou nun encontro sobre vivenda na Coruña as propostas do BNG en relación ás vivendas de uso turístico e ao impacto que están provocando no acceso á vivenda habitual, nun contexto de incremento imparable no prezo do aluguer e de carestía de inmobles para uso residencial habitual.
A líder nacionalista avalou con datos a urxencia de “ordenar, equilibrar, planificar e apostar pola vivenda protexida” ante unha realidade na que miles de galegos e galegas se ven privados dun dereito fundamental, despois de que o goberno do PP se pasara quince anos dinamitando a política social de vivenda ao que agora se suma o fenómeno das VUTs.
Neste sentido, Pontón explicou as propostas do goberno alternativo do BNG para regular as vivendas de uso turístico, que a formación nacionalista defenderá no próximo pleno.
A primeira é definir as zonas onde existe un problema de exceso de VUTs, concretar cales son os concellos e os barrios das cidades con alta concentración de pisos turísticos poñendo en risco o acceso á vivenda habitual. En segundo lugar, aplicar un tope de vivendas turísticas nas zonas tensionadas, “algo de pura lóxica, se un barrio, unha vila, un concello ten un exceso de VUTs hai que poñer unha cifra tope”, alegou Pontón. En terceiro lugar, establecer un límite temporal ao uso turístico cando supoña un problema de acceso a vivenda residencial.
A esta batería de medidas, o BNG incorpora tamén a proposta de cambiar a norma que regula o rexistro autonómico de VUTs porque a actual permite a inscrición no rexistra da Xunta de vivendas turísticas que son ilegais, como pasa no concello de Santiago nas que o goberno de Rueda mantén o rexistro de 700 VUTs ilegais pese a advertencia e petición expresa dun goberno local que está poñendo en marcha unha regulación valente para preservar o dereito á vivenda.
“Desde o BNG pensamos que non se pode mirar para outro lado como fai o goberno de Rueda, é urxente tomar medidas porque o que está en xogo é o dereito das persoas a unha vivenda digna”, explicou Pontón desde A Coruña, onde mantivo un encontro con veciños e veciñas que lle trasladaron as súas peripecias e dificultades para acceder a un aluguer.
“A propia sociedade está reclamando medidas porque o que se precisa é orde, equilibrio, planificación e unha aposta decida pola vivenda pública e o Goberno do PP ten que actuar porque ten competencias tanto en vivenda como en turismo”, salientou Pontón, quen recriminou a Rueda “a pasividade dun Executivo que lonxe de tomar medidas para buscar solucións, está de brazos cruzados botando balóns fora e mesmo boicoteando as medidas que toman concellos como Santiago”.
De 500 a 25.000 VUTs
Galiza pasou de ter apenas 500 VUTs en 2017 a 25.232 na actualidade, quintuplicando a cifra en sete anos. No caso concreto da Coruña, a cifra de vivendas de uso turístico duplicouse en dous anos, pasando de 700 a 1.353 inscritas desde 2022.
Á repercusión deste fenómeno sobre o acceso á vivenda agrava unha realidade marcada por quince anos de total abandono da construción de vivenda protexida por parte do goberno do PP, “dinamitou a política social de vivenda”, denunciou Pontón, “ o que propiciou e mesmo amparou a subida descontrolada de prezos”. Nos dez últimos anos os alugueres aumentaron en Galiza un 44% de media e en cidades como A Coruña ese aumento foi do 63%. “Non coñezo a ninguén que tivera estes incrementos de salario”, sentenciou.
“É o momento de tomar medidas ambiciosas, eficaces e áxiles e no goberno alternativo do BNG temos claro que a dificultade para acceder á vivenda é un grave problema social, non se trata dun problema individual, senón que nos interpela e nos afecta como sociedade”, concluíu.