Ana Pontón arranca a lexislatura coa proposta dun novo modelo enerxético asentado nunha empresa pública e na tarifa galega
O BNG rexistra como primeiras iniciativas dúas proposicións de lei para pór a riqueza eléctrica de Galiza ao servizo das familias e das súas empresas
“Unha tarifa da luz máis baixa non só aliviará os custes enerxéticos das familias, senón que será un revulsivo económico para ser máis competitivos e crear emprego e riqueza no País”, subliña a portavoz nacional do Bloque
A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou no Rexistro do Parlamento as primeiras iniciativas coas que o BNG abre a nova lexislatura, dúas proposicións de lei que perseguen “un cambio de modelo enerxético que poña fin aos privilexios das eléctricas e coloque a riqueza eléctrica do País a favor das familias e o tecido produtivo galego”.
Trátase de facer da enerxía un ben público “ao servizo da maioría social, cun modelo que sexa xusto socialmente e que impulse a economía”, destacou Pontón, que propuxo no arranque deste novo período parlamentario un “gran acordo de País” cara a ese novo modelo, que o BNG articula arredor de dous piares: unha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega.
Dous piares que constitúen, precisamente, o obxecto das dúas proposicións de lei rexistradas como iniciativas complementarias entre si para planificar un modelo enerxético que permita, desde a capacidade de decisión sobre os nosos recursos naturais, planificar a expansión das renovables, preservar a biodiversidade e evitar especulacións cun ben, subliñou Pontón, que debe poñerse ao servizo da sociedade.
Unha das iniciativas, a remitir ao Congreso de ser aprobada na Cámara galega, reclama para Galiza máis competencias e unha tarifa eléctrica galega, que será máis barata para compensar ao País polos custes sociais e ambientais da produción eléctrica. “Levamos anos vendo como os nosos recursos enerxéticos foron saqueados polas eléctricas sen que os beneficios redunden en Galiza”, advertiu a portavoz nacional, quen apelou a “acabar con esta inxustiza” dende “a unidade e a determinación”.
Unha tarifa da luz máis baixa, sostivo, “non só aliviará os custes enerxéticos das familias, senón que será un revulsivo económico de gran impacto que nos permitirá ser máis competitivos e crear emprego e riqueza en Galiza”. É por iso que fixo unha chamada a sacar adiante unha tarifa “legal e perfectamente viable” pois, explicou, “estamos falando de abaratar as peaxes que pagamos na factura”.
Facer efectiva a tarifa eléctrica galega “só require vontade política”, precisou a portavoz nacional, que insistiu en que Galiza é exportadora neta de electricidade, “e iso ten que xerarnos un beneficio económico propio”. En 2023, o País exportou o 42 % de toda a electricidade que produciu, insistiu, lamentando mais unha vez que o alto prezo ambiental e social a pagar sen que familias nin empresas reciban beneficios.
Na mesma iniciativa lexislativa o BNG reclama para Galiza máis competencias en materia enerxética, co fin de poder planificar e ordenar a produción eléctrica, tramitando, por exemplo, todas as instalacións eólicas que se proxecten no noso territorio, explicou Pontón.
A enerxía non pertence a unha presa de multinacionais
A segunda pata do modelo nacionalista -obxecto da outra iniciativa rexistrada- pasa por crear a empresa pública de enerxía, como teñen xa países como Italia, Francia, Noruega ou Suecia. Un empresa que, segundo destacou a líder do BNG, supón un “cambio de paradigma” que consiste en “situar a enerxía e os recursos enerxéticos como bens públicos ao servizo do País fronte ao negocio privado e especulativo dunha presa de multinacionais”, ás que o PP lle ten colocado a “alfombra vermella pasando por riba da xente, do territorio e do medio ambiente”.
A empresa pública que propón o BNG estaría adscrita á consellería competente e encaixaría no titulo II da Lei 16/2010 de Organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galiza. Tería, tal e como explicou a portavoz nacional, cinco grandes ámbitos de actuación, o primeiro dos cales sería atender tanto á produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxías renovables como a súa comercialización.
Promover e executar actuacións en materia de eficiencia, xestión e aforros enerxéticos sería o segundo gran ámbito, no que se incluirían tamén cuestións como os sistemas de carga de vehículos eléctricos ou sistema de almacenamento de enerxía.
A empresa serviría ademais para promover a creación de comunidades enerxéticas cidadás ou de enerxías renovables -o terceiro ámbito- e traballaría por colocar a Galiza á vangarda da innovación no eido da enerxía -o cuarto-. Finalmente, impulsaría a iniciativa pública enerxética en todos os ámbitos institucionais participando na titularidade ou financiamento de proxectos.
Iniciativas para mellorar a vida da xente
Pontón presentou as iniciativas rexistradas como mostra do “empeño” do BNG por facer unha oposición “en positivo e construtiva” para defender os intereses de Galiza “e mellorar a vida da xente deste País”. “A enerxía é un recurso estratéxico pola súa relevancia na vida das persoas e no desenvolvemento económico industrial e máis aínda neste momento no que é preciso operar a nivel mundial e tamén aquí unha gran transformación, na xeración e no consumo, que atende á situación de emerxencia climática”, afirmou.