Ana Pontón aposta pola dixitalización do rural e por unha empresa publico-privada para comercializar a produción agrogandeira
Propón modernizar o sector primario a través da ciencia e da investigación e pechar ciclos produtivos para ganar valor engadido e rendas máis altas
Destaca o papel do Campus Terra na universidade en Lugo na transferencia de I+D+i ao sector agrogandeiro, clave na economía da provincia
A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o Campus de Lugo, con especial atención ao proxecto Campus Terra, da man da vicerreitora Montse Valcarcel, e aproveitou para destacar a importancia da ciencia e da investigación aplicada tamén ao sector primario, estratéxico para a economía na provincia de Lugo e para o conxunto da Galiza interior.
A líder do BNG fixo fincapé na importancia de aplicar a ciencia e a innovación ao tecido produtivo real, “para que os sectores tradicionais ganen músculo da man da I+D+i, para ser competitivos e xerar valor engadido a través do peche dos ciclos produtivos, abrindo a porta a emprego de máis calidade, a un aumento de rendas para os produtores e produtoras e propiciar unha actividade industrial de transformación dos produtos vinculados ao sector agrogandeiro, sector esencial na economía de Galiza, creando unha rede de empresas que leven a cabo esa transformación”.
Neste sentido, fixo referencia aos “circuítos curtos de comercialización ou quilómetro cero”, é dicir, da granxa/horta á mesa, aproveitando a estratexia europea do Pacto Verde, encamiñada a proporcionar alimentos saudables, cun menor impacto ambiental ao tempo que se garanten mellores condicións de traballo e rendas aos agricultores/as e gandeiros/as galegos/as.
Igualmente, impulsar unha plataforma de distribución público-privada que canalice os produtos galegos tanto cara as cadeas alimentarias como para colectivos de consumidores, “que permitiría dar saída a moitas das pequenas e medianas producións agroganderias”, explicou.
Pontón explicou en Lugo as propostas que formula a formación nacionalista, na súa aposta por un rural vivo, con servizos, con calidade de vida, un rural do século XXI, aproveitando a visita ao Campus de Lugo xunto coa deputada Olalla Rodil e o portavoz municipal, Rubén Arroxo.
Unha visita na que coñeceu de primeira man o proxecto de hortas sustentables que desenvolve o Campus de Lugo, aposta pola transferencia de coñecemento desde a universidade de Lugo ao sector agrogandeiro, que considera “estratéxico” desde o punto de vista económico e tamén para desenvolver un aproveitamento máis sustentábel dos propios recursos.
Neste sentido, indicou que Lugo non pode “perder o tren” da oportunidade que supoñen os fondos europeos de recuperación económica, os únicos extraordinarios cos que se conta para saír da crise e que aportarán ao conxunto do Estado 75.000 millóns de euros en axudas directas, dos que o BNG está empeñado en que Galiza reciba até o último euro que lle corresponde e que cifra nun mínimo de 12.600 M€.
“Pensamos que son unha oportunidade para avanzar na estratexia da innovación aplicada ao sector primario e ao peche de ciclos produtivos no sector agrogandeiro”, recalcou, destacando tamén a importancia da comercialización a través de iniciativas que favorezan a distribución da produción e un reparto das rendas que beneficie aos produtores e produtoras.