Ana Pontón Apela a votar con “ilusión, orgullo e convicción” a un BNG que non vai fallar na defensa de Galiza
“Pechamos campaña e quero facelo apelando ao orgullo e a dignidade dos galegos e das galegas”, proclamou a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin de Vigo, onde pediu sumar no BNG todo o voto de país e todo o voto das persoas progresistas desencantadas co PSOE-Podemos, porque non defenderon Galiza, non avanzaron en dereitos sociais, -aí seguen a Lei mordaza e as contrarreformas laborais-, e porque non plantaron cara ao discurso antidemocrático e antigalego da extrema-dereita ao que, por contra, déronlle novas oportunidades nas urnas.
“Votemos con ilusión, con orgullo e con convicción collendo a papeleta do BNG porque é o voto que garante a defensa de Galiza e a defensa dos dereitos sociais e das liberdades, ante a discriminación das forzas estatais e os aires involucionistas que veñen de Madrid”, salientou na cidade olívica.
A líder nacionalista insistiu en sumar no Bloque para facerse valer ante o Estado, pasar a páxina da discriminación e plantar cara a unha extrema dereita racista, machista, xenófoba antigalega. “Nós non imos fallar: o voto ao BNG é garantía de defensa de Galiza e garantía de defensa de dereitos socias e da democracia”, recalcou.
“Non se pode calar ante a involución democrática, -enfatizou- non se pode calar ante os que están facendo un discurso machista xenófobo e antigalego, non se pode calar ante os que piden ilegalizar o Parlamento e a Xunta de Galiza, o idioma galego e non se pode calar ante os que queren ilegalizar ao BNG polo feito de ter como razón de ser a defensa de Galiza. Non se pode calar, hai que falar claro na urnas o 10N”.
“E tamén teño unha pregunta para Feixóo: Que máis ten que pasar para que condene os pactos do PP coa extrema dereita? Que máis ten que pasar para que diga publicamente que condena os pactos cos que queren ilegalizar o noso autogoberno, as nosas institucións? Feixóo é gran branqueador da extrema dereita en Galiza e vai recibir resposta nas urnas”, augurou.
“O 10N temos que votar para construír un futuro mellor apostando pola única forza que ten as mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, un BNG que non lle vai fallar a Galiza nin a toda esa cidadanía farta da discriminación de PP, PSOE, PODEMOS, nin a toda esa cidadanía que viu como a esquerda estatal xogou co seu voto”, concluíu.
En clave viguesa, Pontón criticou a pelexa de galos Feixóo-Caballero, “competindo polos abalorios do Nadal” nunha cidade que ten graves problemas no sector industrial que golpean de cheo ao naval e que tamén afecta á automoción, “pilares económicos en Vigo e comarca”.
O BNG fará no Congreso o que o bipartidismo non fixo, alegou, “reclamar solucións para o sector industrial de Vigo e comarca, para salvar os miles de empregos en xogo, para acabar co espolio enerxético, para que haxa un reparto xusto das cotas de pesca, unha solución para a estafa da AP9, para deixar de estar á cola en pensións e salarios, en definitiva, solucións para poder ter futuro digno neste país”, concluíu.
A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, insistiu na importancia de ter unha voz propia “non alienada” que defenda os intereses de Galiza en Madrid. Lembrou que co Bloque ausente do Congreso os 23 deputad@s electos elixidos non só non se moveron na defensa do país con iniciativas parlamentarias, senón que actuaron contra os intereses dos galegos e das galegas.
Contra os intereses do país
“Non estiveron calados, non. Dixeron que si a moitas cousas lesivas para a nosa terra”, subliñou Da Silva, enumerando o pacto PSOE e Podemos para aprobar os peores orzamentos para Galiza en vinte anos-, os atrasos en infraestruturas como o AVE, o veto a transferencia da AP-9, as decisións sobre a transición enerxética ou sobre a pesca que ameazan sectores estratéxicos para Galiza.
En relación a Vigo afeou as decisións do Goberno de non crear unha saída sur e de non apostar por unha mellor conexión ferroviaria co porto ou a inexistencia dun plan industrial que mitigue os problemas que se aveciñan na comarca.
Finalmente, nun momento de grande emoción, Da Silva falou do afundimento do Prestige fai 17 anos o 19 de novembro, e fixo un símil coa actual situación de Galiza.
“Entón foron os propios galegos e galegas os que coas súas mans limparon as costas galegas. Ao noso país nunca lle regalaron nada, sempre o tivemos que loitar e defender por nós mesmos, buscar nós as solucións. Entón dixemos Nunca máis e agora, o vindeiro domingo nas urnas, debemos parar ese novo chapapote que nos ameaza que son as forzas estatais que nos ignoran e discriminan. Temos que volver a darlle voz a Galiza en Madrid votando ao BNG e berrar: nunca máis Galiza silenciada”, rematou.