Ana Pontón apela a unha gran mobilización este 18F para que sexa un gran día para Galiza
A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, empezou a xornada de reflexión asistindo á homenaxe en Marín á memoria dos mariñeiros do Villa de Pitanxo con motivo do segundo aniversario do accidente, nun emotivo acto organizado polas familias.
De volta en Santiago, aproveitou para pasar un momento distendido en compañía da súa parella, da súa filla Icía e amizades, despois dunha intensa campaña electoral, e agradeceu o “enorme” traballo realizado pola militancia e polos simpatizantes así como a participación e todas as mostras de cariño e ánimo trasladados pola cidadanía nos encontros, actos, mitins, na rúa e a través das redes sociais, “todos e todas estiveron empuxando a campaña do BNG enchéndoa de ilusión e de entusiasmo”.
Hoxe é un día para a reflexión, sobre todo aqueles persoas que aínda non teñan decidido o seu voto, indicou, limitándose a facer un chamamento á participación na urnas este domingo.
“Quero facer un chamamento a que mañá teñamos unha xornada histórica coa máxima participación e implicación da cidadanía galega e quero animar a todas as persoas que voten, que voten pensando no mellor para este País e para as súas vidas e para que sexa un gran día para Galiza”, salientou.
A candidata completará a xornada de reflexión en Vigo, onde acudirá ao estadio de Balaídos para desfrutar do Celta-Barcelona, un partido especial que compartirá co portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e de militantes e simpatizantes.