Ana Pontón apela ao voto indeciso para lograr que Galiza sexa decisiva no estado da man do BNG
Pide mobilizarse desde a ilusión e superar as enquisas porque o BNG dispútalle 2 escanos á dereita de Colón na Coruña e Pontevedra
Nun escenario sen maioría absoluta, o Bloque demostrará no Congreso con feitos que é posible a transferencia da AP9 que negaron PP e PSOE
Da Silva defenderá en Madrid unha política forestal na que os montes “non sexan o primeiro problema ambiental do país”
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin de Ponteareas para apelar, “desde a ilusión”, a todas as persoas que non teñen decidido o seu voto para que aposten por facer Galiza decisiva na política do Estado da man do BNG. E fixo un chamamento á mobilización para sumar votos a un BNG en remontada que está disputando escanos á dereita españolista en Coruña e Pontevedra.
“Dígovos que imos a subir, que estamos en remontada e quero dirixirme especialmente a todas esas persoas que non teñen decidido o seu voto, dígolles que o BNG é a opción para defender Galiza e frear a unha dereita tirada ao monte. Porque o último escano por Pontevedra e pola Coruña estámolos disputando cunha desas patas da dereita de Colón. Por iso, para que ter voz en Madrid e para frear un goberno das dereitas, en Galiza a papeleta útil é a do BNG”, salientou.
Pontón recalcou que o 28A confirmará a “onda de simpatía” cara o Bloque superando as enquisas: “Esta é a nosa oportunidade Ana, desta vai, é o que me din cada día máis persoas que están fartas de que as forzas estatais veñan coller os votos para despois tratarnos como cidadáns de segunda. Imos ir a por todas para cambiar iso, porque é o momento de Galiza, é o momento do BNG”, proclamou.
Sen maiorías absolutas, destacou, os votos dos deputados e deputadas nacionalistas van determinar a política do Estado a favor da xente deste país. E puxo exemplos.
“Imos tirar abaixo moitos muros, un deles o da AP9, porque un BNG decisivo na política do Estado demostrará que si é posible conseguir a transferencia da AP9 que nos negaron PP e PSOE, faremos que os votos dos e das galegas sirvan para acabar coa estafa das peaxes que é un roubo legalizado desde o BOE”, alegou, demostrando a forza que poden ter os votos sen ataduras para defender Galiza.
“O PNV acaba de demostrar a importancia de ter unha forza política propia que defenda os intereses da súa cidadanía conseguindo para Euskadi en 24 horas a transferencia da AP68. Iso faremos a partir do 28A con Galiza”, proclamou. AVE, financiamento, orzamentos do Estado, espolio enerxético con miles de empregos en risco nun país que é potencia eléctrica foron cuestións claves citadas pola líder do Bloque para denunciar a discriminación das forzas estatais.
Para poñerlle fin, “temos que levar esta corrente de simpatía cara o BNG a cantos máis sitios mellor, saír a rúa estes días de campaña, petar no corazón da xente, cun sorriso, con ilusión, coa man tendida para dicirlle a todas esas persoas que botaron de menos a voz nacionalista no Congreso, que poden contar con BNG, para defender o seu futuro e para frear a involución que nos quere levar ao pasado”, concluíu.
Medidas contra a violencia viaria
Pola súa parte, a candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, destacou a importancia da transferencia a Galicia das infraestruturas viarias, en particular en comarcas como Condado-Paradanta, pois é un dos territorios máis afectados pola “estafa” da AP-9, ao que se suma o mal estado da A-52 e da A-55, así como da N-120, onde existen claros problemas de seguranza viaria.
“Neste ano xa se superan en Galiza o número de accidentes do exercicio pasado. As solucións que da o Goberno central contra a violencia viaria non son eficaces, senón o contrario. É o momento de adoptar o modelo BNG, que xa ten demostrado resultados de éxito”, subliñou.
Por outra parte, Da Silva comprometeuse a defender no Congreso unha política forestal axeitada para poder desenvolver un aproveitamento económico diversificado, sustentable e rendible dos montes galegos. Lembrou que os concellos da comarca foron dos máis afectados nas pasadas vagas de lumes e salientou que as actuacións das administracións competentes na xestión do monte en lugar de aproveitar as potencialidades convertérono “no maior problema ambiental de Galiza”.