Ana Pontón apela ao dobre valor do voto ao BNG para que Galiza sexa respectada e para conter o involucionismo de PP e VOX
Chama a unificar o sentimento de rebeldía e de País a través dun grupo do BNG forte que defenda á cidadanía galega e combata a discriminación
“Estamos disputándolle escanos a Feijóo nas catro provincias”, subliña
Rego: “Somos garantía dunha voz a favor do País e libre de dependencias”
O BNG estalle disputado ao PP escanos nas catro provincias e por iso en Galiza é a “alternativa real” ao involucionismo que representan Feijóo e os seus aliados da extrema dereita machista, racista e antigalega. Baixo esa premisa, a portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento a unificar na papeleta do BNG todo o voto “inconformista, rebelde e de País”.
Porque, explicou en Ribeira, o apoio ao Bloque o 23X ten dobre valor. Por un lado, o de facer valer Galiza impedindo que siga a ser discriminada polas forzas estatais. Por outro, o de frear ao PP dun Feijóo que xa camiña da man dos ultras “que até queren arrebatarnos a lingua que falamos”. “Ese Feijóo ao que agora vemos en campaña prometer o contrario do que fixo en Galiza”, apuntou.
O BNG encara o 23X coa determinación de facer posible “o que nos din que é imposible”, como fixo xa nas eleccións municipais ou nas galegas co apoio de miles de cidadáns aos que a portavoz nacional pediu de novo a confianza, para demostrar que “este é o momento de Galiza” e conseguir ser escoitados no Estado.
“Somos a única forza coas mans libres para facer as causas do País, desde un tren do século XXI a unha tarifa eléctrica galega, desde o corredor atlántico a políticas que creen industria, desde investimentos xustos á creación de máis xulgados de violencia de xénero”, asegurou no mitin que compartiu cos candidatos pola Coruña Néstor Rego e Rosana Pérez.
Todas estas son causas, explicou, que se defenden en Madrid, e de aí que sexa tan necesario que Galiza gañe peso político no Estado e teña unha voz “forte e potente” no Congreso a través dun grupo propio con deputados e deputadas do BNG polas catro provincias “dando a cara pola xente deste País”, polos galegas e galegas aos que as forzas estatais lle teñen dado continuamente as costas.
“Non é o momento de votar polo mal menor, ni de votar por medo. Ao contrario. Pídolle a todos os galegos e ás galegas que o día 23 voten con ilusión, con esperanza, que voten por un grupo galego forte para facer respectar Galiza en Madrid sabendo que o BNG non lles vai fallar”, proclamou Pontón nunha chamada a acudir ás urnas “coa cabeza e o corazón” no País.
Tamén, engadiu, porque o Bloque será unha garantía na defensa dos dereitos e liberdades e actuará como puntal na blindaxe dunha sociedade na que as mulleres sexan libres e iguais, dunha sociedade inclusiva e diversa “na que cada quen ame a quen queira amar e sexa quen queira ser”, dixo.
Pactar cun programa na man
Pola súa parte, o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, comprometeuse en Ribeira, agora con alcalde nacionalista, a que o BNG volverá ser esixente no Congreso para facer valer Galiza e colocar os temas que importan a este País no centro da axenda estatal: “Pactaremos cun programa de defensa do noso país na man e esixindo o seu cumprimento", recalcou.
Lembrou, neste sentido, que cando o Bloque foi determinante utilizou a forza do seu voto para mellorar a vida dos galegos e das galegas, conseguindo unha rebaixa histórica das peaxes da AP9, o dragado da Ría da Coruña e máis de 2.000 millóns de euros en investimentos. "Canto máis BNG, mellor lle vai a Galiza", explicou na súa intervención.