Ana Pontón anuncia unha ofensiva do BNG no Parlamento para que o Goberno do PP atenda as demandas históricas de Carballo
Denuncia que o Goberno de Rueda boicotea as grandes infraestruturas que precisa e limita o avance dun dos concellos máis dinámicos do País
Prioridades da ofensiva institucional no Hórreo: ampliación do parque empresarial, circunvalación e mellorar a rede de saneamento e a AC-414
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai levar a cabo unha ofensiva política no Parlamento para que o Goberno do PP deixe de discriminar a Carballo e leve a cabo dunha vez por todas infraestruturas e investimentos que a localidade leva anos reclamando e que son esenciais para o seu desenvolvemento, como a circunvalación ou a ampliación do parque empresarial.
“Carballo é un exemplo de como os concellos BNG son capaces de xerar dinámica económica e mellorar a calidade de vida, pero temos a unha Xunta do PP que leva anos boicoteando e castigando a un concello que ten unhas condicións inmellorables para poder seguir avanzando”, denunciou a líder nacionalista, na súa visita institucional na que mantivo un encontro co grupo de goberno que lidera Evencio Ferrero, xuntanza na que se abordaron as prioridades do municipio.
Pontón advertiu que “o boicot e o sectarismo que practica o Goberno do PP” non prexudica a un goberno local, senón aos veciños e veciñas dun municipio que “teñen dereito aos mesmos investimentos que outros concellos do País”, incidiu. Neste sentido, recordou que Carballo é ademais cabeceira de comarca un municipio de gran dinamismo económico, polo que “boa parte do que pasa na comarca depende de que en Carballo se fagan ben as cousas”, subliñou.
Neste contexto, avanzou que a ofensiva parlamentaria do BNG “a favor de Carballo e dos seus veciños e veciñas” centrarase en dúas infraestruturas que considerou “claves” para o desenvolvemento económico e social da vila: a circunvalación e a ampliación do polígono empresarial.
Sobre a primeira, recordou que non só resulta fundamental para mellorar a competitividade do parque empresarial e das súas empresas, senón tamén para mellorar a seguranza viaria, sacando o tráfico pesado das rúas cunha obra que dependen do investimento da Xunta. De feito, o BNG xa ten reclamado na Cámara galega orzamentos concretos e de cara ás contas públicas de 2025 esixirá que se inclúa unha partida de, cando menos, cinco millóns de euros.
Sobre a segunda, recordou que o parque empresarial concentra unha actividade económica moi relevante que non deixa de medrar o que fai que a día de hoxe non exista xa suficiente solo para poñer a disposición de novos proxectos empresariais, de aí que o goberno local leve anos reclamando unha ampliación que a Xunta ignora sistematicamente. “O Goberno do PP leva 15 anos boicoteando o desenvolvemento dese solo empresarial e, polo tanto, boicoteando a creación de emprego e a mellora das condicións das empresas que xa están instaladas aquí”, reprochou.
Xunto a estas dúas actuacións, Pontón sinalou tamén como prioridades do BNG no Parlamento o abastecemento de auga na zona da costa, a mellora do saneamento ou doutras infraestruturas como a estrada de titularidade autonómica AC-414, cuxa mellora integral reclaman as veciñas e veciños afectados, particularmente os de Xoane e Cances, cos que a portavoz nacional mantivo tamén hoxe un encontro para escoitar a súas demandas e trasladar o apoio do Bloque en total sintonía co goberno local.
En definitiva, a ofensiva parlamentaria do BNG ten como obxectivo acadar un “investimento xusto” para a veciñanza de Carballo e que o Executivo de Rueda atenda unhas reclamacións que son históricas e estratéxicas “porque son infraestruturas esenciais para poder seguir avanzando nun proxecto que é un proxecto común con todas e todos os veciños de Carballo”, concluíu.