Ana Pontón anuncia como primeira iniciativa parlamentaria un acordo de País para abaratar a tarifa eléctrica a familias e empresas
Avanza unha oposición construtiva e centrada nos problemas reais da xente cun grupo parlamentario reforzado que actuará como alternativa de goberno
Insta ao PP a non caer na soberbia política, escoitar ás máis de 700.000 persoas que non pensan igual e chegar a acordos que beneficien aos galegos e galegas
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou unha “oposición construtiva e en positivo” co obxectivo claro de mellorar a vida dos galegos e das galegas e aportar solucións aos problemas que afectan no día a día á xente deste País, enfrontando as grandes transformacións que precisa Galiza.
Nesta dirección, Pontón anunciou a que será a primeira iniciativa que rexistrará o BNG no Parlamento galego nesta lexislatura: unha proposición de lei para crear unha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas.
“Este é un debate de gran calado que merecería un gran acordo de País para poñer a enerxía eléctrica ao servizo da sociedade galega e non dos lobbys enerxéticos”, afondou logo da primeira reunión de traballo do grupo parlamentario nacionalista despois das eleccións do 18 de febreiro, nas que conseguiu 25 deputados e deputadas.
Fronte a un PP que, segundo dixo, “está empeñado en poñer a nosa riqueza eléctrica en mans dunha presa de multinacionais para que se sigan forrando os de sempre”, a líder nacionalista afirmou que “no BNG estamos empeñadas en poñer a riqueza eléctrica deste País ao servizo das familias e das empresas”.
Por iso, defendeu unha iniciativa que aposta pola xestión 100% pública do desenvolvemento enerxético galego tendo en conta o interese dos galegos e das galegas, e por obter unha rebaixa na factura da luz compensando a Galiza polos custos ambientais e sociais que soporta coa produción eléctrica. “Isto permitiría que, por primeira vez, tanto as familias como as empresas teñan unha vantaxe competitiva por estar nunha zona que é rica na produción de enerxía eléctrica”, recalcou.
Para conseguir un acordo parlamentario nesta dirección, Pontón ofreceu toda a disposición dun BNG que inicia a lexislatura con máis forza e con máis apoio, pero que vai facer “unha oposición construtiva, en positivo e a favor da maioría social”, sempre desde a rigorosidade e a política con maiúsculas “para estar á altura da importante ilusión que hai xerada arredor do BNG como alternativa fronte ao Partido Popular”.
Neste sentido, agradeceu o case medio millón de votos (31,5% de apoios) que converten en históricos os resultados do Bloque e que “asumimos desde a humildade e como un aliciente para traballar máis e mellor” cun grupo parlamentario reforzado coas novas incorporacións que combina experiencia e renovación: “25 deputadas e deputados que darán voz a todos os galegos e galegas que o pasado 18 de febreiro querían unha alternativa diferente”, indicou.
Á vista destes resultados electorais, a líder nacionalista instou ao PP a non caer na “soberbia política” e escoitar aos miles e miles de galegos e galegas que non pensan coma eles -“estamos falando de máis de 700.000”, recordou- e a estar disposto a chegar a acordos de País, aínda que non se mostrou moi optimista dado que “hai moitos sinais que nos indican que o Partido Popular vai mostrar a súa cara máis absolutista e máis sectaria e que seguirá ao pé da letra a estratexia da crispación que lle marcan desde Madrid”.
Fronte a esa “subordinación aos intereses do PP en Madrid”, o BNG seguirá traballando para demostrarlle á cidadanía galega que “hai outra forma de facer política e outra maneira de entender o País”. “Actuaremos como alternativa de goberno para este País, aportando propostas para responder aos retos que Galiza ten sobre a mesa e non imos limitarnos á crítica, senón que a cada problema, explicaremos aos galegos e ás galegas que faría un Goberno do BNG para dar solucións”, adiantou.
Logo de advertir que “os problemas seguen sendo os mesmos”, Pontón reafirmou que o BNG usará toda a forza que lle deron as urnas para defender todo co que se comprometeu: a sanidade pública, un ensino libre de recortes, unha vellez tranquila para os nosos maiores e oportunidades para a xente moza.
“Aproveitaremos toda esa forza para defender unha Galiza produtiva, implicada na loita contra o cambio climático, que coloque a riqueza do País ao servizo do País. Seremos a voz desa maioría social, pero esta vez sabendo que temos detrás máis cidadanía que nunca”, concluíu.
Composición da Mesa do Parlamento
A preguntas dos xornalistas respecto ao reparto de postos da Mesa do Parlamento, Pontón aclarou que o BNG aínda non ten pechada a súa proposta e que esta cuestión será abordada nos vindeiros días polos órganos de dirección da formación nacionalista. Destacou, en todo caso, que “é evidente que estamos ante unha lexislatura diferente á pasada e que agora hai unha grande distancia entre os grupos parlamentarios, cun BNG que case triplica en número de deputados e deputadas ao PSOE”.
Valoración dos resultados electorais en Portugal
En resposta aos medios, tamén se referiu aos resultados das eleccións en Portugal, lamentando, neste sentido, as repercusións que poida ter “a viraxe á dereita” para a maioría social do país veciño. “Temos certa preocupación pola participación que poida ter a extrema dereita no goberno”, recoñeceu, amosando en todo caso a determinación do BNG a traballar no marco das relacións internacionais para que os cambios no Executivo luso non supoñan a paralización de ningún proxecto estratéxico para Galiza, como o AVE entre Vigo e Porto.