Ana Pontón anuncia unha campaña institucional contra o “taxazo” de Sogama que supón un novo atraco a concellos e familias
Critica a suba unilateral e abusiva coa que o Goberno do PP quere facer pagar á cidadanía un sistema de xestión de residuos obsoleto e fracasado
Denuncia que a medida beneficia a Gas Natural, dona do 49% da compañía, e a outras empresas amigas do PP, como o Grupo Valtalia-Copasa
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG porá en marcha una intensa campaña contra o “taxazo” de Sogama con iniciativas no Parlamento e nos concellos para que tanto a Cámara galega como as corporacións municipais se posicionen en contra do novo “sablazo” do Goberno do PP, que propón para 2025 unha suba do 30% na factura da xestión de residuos que se suma ao 30% de incremento deste ano.
“Un incremento do 60% até colocar en 108 euros o prezo a pagar por cada tonelada de residuos entregada a Sogama”, advertiu para criticar a continuación o “novo atraco” do Executivo de Alfonso Rueda aos concellos co que “quere facer pagar á veciñanza un sistema de xestión de residuos obsoleto, antiecolóxico, contaminante e caro”.
Logo dunha reunión con alcaldesas, alcaldes e cargos municipais do BNG, a portavoz nacional denunciou que a medida, “unilateral, inxustificada e abusiva”, supón un negocio redondo para Gas Natural -que ten o 49% da compañía- e para as empresas amigas do PP, como por exemplo o Grupo Valtalia-Copasa, que nos últimos anos ten recibido máis de 700 millóns de euros en sucesivos contratos con Sogama.
“Unha vez máis ganan as empresas amigas do PP, pero perden os concellos, perden os veciños e veciñas, que van ter que pagar máis na factura do lixo”, reprobou Pontón, quen tamén alertou sobre a perda do medio ambiente e a loita contra o cambio climático por un Partido Popular que, lonxe de rectificar, continúa “empecinado” en seguir adiante cun “sistema obsoleto e contaminante e que vai en contra das normativas europeas”.
Un sistema ademais moi caro xa que, segundo recordou, o prezo a primeiros de 2024 era de 68 euros por tonelada, a mediados de ano pasou a ser de 88 euros por tonelada e agora o PP pretende subir até os 108 euros o custe por tonelada de residuos. “Un aumento acumulado do 60% en menos dun ano”, resumiu.
Ante este incremento “unilateral, desproporcionado e abusivo” que, segundo dixo, “é consecuencia do fracaso estrepitoso do sistema Sogama”, a líder nacionalista explicou que a campaña institucional do BNG no Parlamento, nos concellos e tamén nas deputacións pretende frear este novo “taxazo”, pero tamén impulsar cambios de fondo no sistema de xestión de residuos, co obxectivo de substituír a antiecolóxica incineración por tratamentos baseados nunha xestión máis próxima e nos que se aposte pola recollida separada, a reutilización e a reciclaxe.
“É un auténtico escándalo que neste momento a Xunta pretenda incrementar nun 60% a factura que teñen que pagar os veciños e as veciñas ou senón, que pretende que as soporten unhas economías dos concellos que xa están asfixiados, entre outras cousas, porque están asumindo moitas competencias que son da Xunta”, afondou.
Debate serio para un novo modelo
Neste contexto, Pontón considerou que este é o momento tamén para “superar o modelo Sogama” e abrir un debate serio e rigoroso para dar paso a un novo modelo de xestión de residuos que sexa acorde coa normativa europea e respectuoso co medio ambiente.
Por iso, apostou por tomar medidas que permitan a Galiza avanzar cara o obxectivo de acadar un 50% de reciclaxe, que é o que establece a normativa europea, estatal e galega para 2025, un obxectivo que está moi lonxe co modelo do PP.
“Hai que apostar por que Galiza se sitúe á vangarda da xestión de residuos, aínda que neste momento hai unha prioridade moi clara e é evitar este sablazo que o Goberno do Partido Popular quere impoñer aos concellos e ás familias cunha suba que é absolutamente abusiva, inasumible na maior parte dos concellos”, concluíu.
Taxazo de 3 M€ en Santiago
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tomo a palabra en nome dos e das rexedoras do BNG para poñerlle números á subida que pretende o Executivo de Rueda. En concreto, na capital galega o impacto económico da subida sería de 1,6 M€ de incremento da factura en 2025 e en máis de 3 millóns con respecto a 2023, indicou, tras expresar a súa oposición cunha medida unilateral “sen a interlocución necesaria a través de organismos como a Fegamp”, alegou.
A rexedora compostelá criticou unha suba que cualificou de “absolutamente desproporcionada, inxusta, inxustificada e que pon as economías dos concellos en problemas” porque, advertiu, “ao final é a veciñanza que ten que facerlle fronte” á negativa xestión do Executivo do PP e á súa aposta “por un modelo obsoleto e que non responde ao que debe ser unha política de residuos moderna e avanzada”.