Ana Pontón anuncia que o BNG defenderá un convenio que non discrimine ás traballadoras da conserva
Pide ser decisivos no Estado da man do Bloque para darlle voz ao sector pesqueiro e marisqueiro e mellorar as condicións laborais da xente do mar
“Por que ten que ser Madrid quen decida como e canto pode pescar a frota galega?”, interpelou o candidato pola Coruña Nestor Rego
En Boiro, a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin en Boiro para salientar que Galiza é “unha nación pesqueira”, potencia produtiva en pesca, marisqueo e acuicultura con 1.100 bateas só na Ría de Arousa, a máis rica do mundo, e cun punteiro sector da conserva.
Pero para aproveitar todo este potencial, “Galiza precisa ser decisiva no Estado” da man do BNG, “para que nos despachos de Madrid deixen de tomar decisións en contra dos intereses do sector pesqueiro e d@ traballador@s do mar”, proclamou. “Imos marcar a diferencia a favor deste país nun Congreso sen maiorías absolutas no que cada voto conta, e os votos dos deputados e deputadas do Bloque servirán para que Galiza conte e para frear a involución desa dereitona que nos quere levar ao pasado”, salientou.
Pontón destacou as propostas que un BNG “determinante en Madrid” porá encima da mesa.
Acabar coa discriminación laboral das traballadoras da conserva, -miles na comarca do Barbanza-, negociando un convenio netamente galego para a conserva. Promover un convenio colectivo para os traballadores da pesca, hoxe sen nada que ampare os seus dereitos laborais, anticipar a xubilación das mariscadoras aumentando os cocientes de redución e recoñecer como doenzas laborais as que sofren as mulleres do mar.
A dirixente nacionalista apelou a todas esas persoas desencantadas con esta “lexislatura da discriminación a Galiza” para que aproveiten a oportunidade do 28A: “Porque se pode facer política doutra maneira, non temos que resignarnos a que as forzas estatais nos traten como cidadáns de segunda, que só veñen en campaña a coller os votos”.
En relación á visita do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, Pontón salientou que o que ofrece a Galiza quedou reflexado nos orzamentos que presentou co apoio de En Marea-Podemos, cun recortazo de 750 millóns de euros, seguindo a mesma senda de agravio do PP.
“Como todos os que veñen de turismo electoral pide o voto pero non explica que propostas ten para este país, entre outras cousas porque as que ten vímolas nos seus orzamentos, os peores para Galiza en 17 anos. Os galegos e as galegas temos unha oportunidade este 28A para cambiar as cousas da man do BNG, porque faremos que Galiza conte e frearemos a involución democrática”, recalcou.
Fexióo marciano e outros extraterrestres
A Feixóo recriminoulle ser un presidente que leva dez teledirixido por Génova, antes por Raxoi e agora por Casado. “E despois fala de marcianos, o marciano e el e a invasión de extraterrestres do PP que temos estes días de campaña pedindo o voto a base de ocorrencias para despois volver ao seu planeta madrileño”, ironizou.
Convencida de que os resultados superarán ás enquisas, Pontón pediu aproveitar o 28A “para ser decisivos no Estado e estar no Congreso con voz propia, como están os vascos, os cataláns, os valencianos, os canarios. Non podemos ser os únicos excluídos e silenciados como nesta pasada lexislatura. Galiza ten que estar é a garantía de conseguilo é collendo a papeleta do Bloque”, concluíu
Pensións e salarios
Nestor Rego salientou que se pode confiar nun forza política “que sempre se caracterizou por dicir o que vai facer e por facer o que di”. O voto ao BNG “é a mellor garantía de defensa dos dereitos individuais e colectivos e dos dereitos sociais”. “Estaremos no Congreso para defender salarios e pensións dignas, especialmente importante para nós que temos os terceiros salarios e as segundas pensións máis baixas do Estado español”, argumentou.
Igualmente, subliñou que ter capacidade política en Madrid é vital para defender os sectores produtivos. “Aquí en Boiro coñecedes ben cal é o resultado desta falta de capacidade política nun sector pesqueiro que foi chave no desenvolvemento da vila, pero cada vez máis castigado polas nefastas políticas dos gobernos español e galego, que non defenden os dereitos da nosa frota”.
“Por que ten de ser Madrid e Bruxelas quen decida canto, cando, como e onde podemos pescar? Por que non podemos ser nós os que decidamos? Precisamos soberanía sobre sobre o noso mar, porque cando outros deciden por nós, case sempre deciden contra nós. E non podemos permitir que isto continúe”, concluíu.