Ana Pontón anima a Galiza Nova a sumar máis mocidade ao BNG e a ser o motor do cambio que precisa o país
A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o seu discurso de peche da asemblea de Galiza Nova para instar ao xuventude do BNG a sumar máis mocidade ao nacionalismo e a ser o motor do cambio que precisa este país, cambio que debe empezar nas vindeiras eleccións municipais.
Pontón salientou que organización xuvenil do BNG “é o resultado da vontade de miles e miles de mozas e mozos de xeracións diferentes pero unid@s por unha idea común: Que Galiza é unha nación”. E baixo esa idea, animou a seguir “tendendo pontes para unir a toda xente nova que comparte o amor por Galiza e as ansias de construír un país mellor no que a mocidade non estea condenada á precariedade, ao paro ou á emigración”.
“Estades a vivir unha época complexa, chea de inestabilidade e confusión. Pero hoxe igual que onte, o importante é ter principios sólidos e ideas claras. E aínda que ás veces é custoso nadar contracorrente, merece a pena facelo. Non hai nada máis ilusionante que defender as ideas nas que unha cree”, animou Pontón. “Que ninguén vos diga que calquera tempo pasado foi mellor e lembrade que todo é imposible até que se fai”.