Ana Pontón alerta das consecuencias económicas dos ERTEs e da falta de protección dos contratos das ETTs
Afirma que para saír ben da crise será necesario “máis autogoberno e política social”
Reclama paralizar a “actividade non esencial” e critica a postura da UE máis preocupada polo capital que por paliar as consecuencias socioeconómicas da crise
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pide que a Xunta e o Goberno central actúen contra o impacto socioeconómico dos ERTES en Galiza e medidas de protección para todos e todas aqueles traballadores e traballadoras contratados polas ETTs e precarios que perderán o seu posto de traballo sen percibir ningunha prestación.
Máis autogoberno e política social para saír da crise
A nacionalista, que continúa mantendo encontros diarios, por videoconferencia con colectivos da sanidade, económicos e socias para analizar a situación da crise do coronavirus afirmou hoxe, tras a reunión coa delegación da Confederación Intersindical Galega, (CIG), que a crise xa afecta en Galiza ao “10% da poboación activa” e que urxe tomar medidas de protección económica contra as consecuencias deste impacto. Por outra parte, reiterou que é necesario paralizar “toda actividade non esencial” e incrementar as medidas de protección para os traballadores e traballadoras da sanidade, servizos públicos, sector da alimentación e subministros.
Tras analizar diversos aspectos, BNG e CIG coincidiron na necesidade de poñer en marcha medidas urxentes para paliar as consecuencias económicas e sociais que afectan gravemente a Galiza e afirmou que para saír ben da crise será necesario “máis autogoberno e política social”.
É necesaria unha Europa máis social e menos preocupada polos intereses do gran capital
Para a nacionalista, a crise do coronavirus desvelou a verdadeira faciana de Europa, máis preocupada “polos intereses do grande capital” que por responder como unha Europa social. Comprobamos que “chega antes a axuda de China que de Bruxelas”, feito que constata a falta de preocupación de Europa pola saúde e vida das persoas.
BNG e CIG coincidiron na preocupación pola crise económica que seguirá á crise sanitaria con consecuencias, que polo momento, ante as medidas da Xunta e do Estado non permiten albiscar unha saída xusta e avanzou que ambas organizacións redobrarán esforzas para que os traballadores e traballadoras en Galiza non sexan os grandes damnificados da crise do coronavirus.