Ana Pontón afirma que o BNG está preparado para calquera escenario electoral
A portavoz nacional do BNG reclama unha campaña que permita amplos debates de ideas e alternativas
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o BNG está preparado para calquera escenario e emprazou a Feijóo a que diga cando van ser as eleccións galegas.
Ante as incertidumes xeradas sobre un posible adianto electoral, Pontón acusou a Feijóo de xogar coas datas como se fora un mecano que pode facer e desfacer ao seu antollo ou o albur do que outros decidan.
A portavoz do BNG manifestou que resulta inaudito que despois de ter dito -hai menos dun mes- que as eleccións galegas serían en outono, agora sexa o propio Feijóo quen alimente a incerteza a respecto das data que el mesmo anunciara.
Para o BNG, o máis lóxico é que as eleccións se celebren na data xa anunciada e que non exista ningún tipo de cálculo partidista e oportunista por parte de Feijóo e do PP. Se Feijóo defendía que as datas das eleccións galegas tiñan que ser separadas doutras como as estatais, que xustifica que agora estea especulando en facelas coincidir coas vascas o 25 de setembro?, preguntou.
Cambiar agora a data anunciada, engadiu a nacionalista, sería como cambiar as regras do xogo no medio da partida e xogar coas cartas marcadas. A estas alturas, non descartamos ningunha opción, pois sabemos ben que Feijóo e o PP non son de fiare que van antepoñer sempre, o interese partidario do PP, por riba do interese xeral de Galiza.
O BNG reclama facer unha campaña que permita amplos debates de ideas e proxectos
Neste sentido, Pontón asegurou que é necesario unha campaña co tempo suficiente e con espazos amplos para debater ideas e proxectos, porque é un dereito das galegas e dos galegos antes de ir a votar.
Seguramente Feijóo síntese máis cómodo nunha campaña express, para non falar con calma sobre o desastre da súa xestión, porque hai preguntas e verdades que son moi incómodas para el como saber o destino de 9.000 M empregados para levar adiante a fusión e saneamento das caixas galegas, por que razón se vendeu novacaixagalicia por debaixo do seu valor real e que por que razón se secuestrou a comisión de investigación do Parlamento sobre as caixas?
Asemade, a portavoz do BNG lembrou que a débeda pública galega triplicou a súa contía mentres Feijóo presume de ser un bo xestor e segue falando de recuperación económica cando a pobreza medrou en Galiza nun 25% e 700.000 persoas viven con menos de 600 euros ao mes.
Mais existen moitos aspectos que merecen un debate a fondo e sobre todo, desde o BNG queremos unha campaña que se centre en explicar as alternativas que temos fronte ao desastre que nos deixan os gobernos do PP, os gobernos de Raxoi e Feijóo, submisos sempre ás imposicións da UE.
No BNG estamos preparados para calquera escenario
Sobre un posible adianto electoral, Pontón reiterou que o BNG esta preparado e lembrou que fomos a primeira organización en aprobar as listas e vimos de presentar este sábado as primeiras medidas do noso programa, que en realidade é moito máis que un programa, é un proxecto dun país diferente, con igualdade e prosperidade.
A portavoz nacionalista avanzou que hoxe pola tarde reúnese a executiva nacional do BNG para abordar a estratexia de campaña. Unha estratexia, explicou, na que vai ser central escoitar e construír en conxunto co pobo unha alternativa de futuro. E nos vindeiros días manteremos máis de 50 encontros con diferentes axentes sociais, para ampliar a nosa alternativa.
Pensamos que Galiza merece algo mellor que os gobernos que temos e desde o BNG queremos construír unha Galiza que aproveite a nosa riqueza, que teña nas súas mans o seu presente e o seu futuro, que aposte pola innovación, que poña fin a precariedade e a emigración e que blinde dereitos socias e democráticos.
Un país desde nós coa cabeza e co corazón
Para construír esa Galiza precisamos dun proxecto de país, que entenda o autogoberno, que entenda a capacidade real de decidir como a chave para construír un país inclusivo e igualitario, que aposte máis polo talento e menos polo cemento. Un proxecto político propio, de progreso e benestar para o noso pobo. O BNG ten ese proxecto político e con el imos derrotar ao PP e darlle un futuro digno as galegas e galegos! E ímolo facer desde nós, coa a cabeza e co corazón neste país.