Ana Pontón advirte que os recortes do PP, a pésima xestión e a nova onda COVID son un “cóctel explosivo” para a sanidade
O centro de saúde de Raxó simboliza a situación que deixa o Partido Popular: un edificio no que podes entrar pero sen médicas e médicos que atendan
BNG propón un plan de choque de 200 M€ e destinar a primaria o 25% do orzamento do SERGAS. “Máis que faltar profesionais, sobre precariedade”
A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse ao concello de Poio até o centro de saúde de Raxó para analizar a situación da sanidade pública, centro de atención primaria cuxa situación actual exemplifica as consecuencias de trece anos de recortes e privatizacións do Goberno do PP: unha instalación sanitaria na que podes entrar pero sen facultativo que te atenda.
“Ten a porta aberta, pero cando entras non hai ningún médico ou médica para poder atender as persoas enfermas, é dicir, temos neste momento edificios onde podes entrar pero sen persoal médico que te atenda, todo un símbolo do que está pasando na sanidade pública en Galiza cun PP que ten un programa de desmantelamento e privatización e está xogando coa saúde das persoas para que uns poucos fagan negocio”, denunciou a líder do BNG desde Raxó.
Esta situación provoca que, por primeira vez na historia, haxa lista de espera de até dúas semanas para ter atención presencial coa médica de cabeceira, e ten como responsable directo ao PP.
“Os seus recortes levaron ao sistema público de saúde ao abismo, e os datos están aí para deixar constancia: hoxe primaria ten 47 M€ de recursos que en 2009 e este ano tivo menor investimento que o pasado exercicio”, explicou, “o PP leva anos cunha folla de ruta que ten como obxectivo desmantelar a sanidade pública e non podemos permitilo, porque é o colchón que ten calquera persoa para poder ser atendida ante un problema de saúde”.
Pontón, que destacou o extraordinario traballo dos e das profesionais, considera que non estamos ante un problema de falta de persoal, senón de precariedade laboral. “É falso que non haxa profesionais o que pasa é que non aturan as condicións de precariedade, de feito, na última convocatoria MIR a maioría do persoal que rematou a formación non quixo ir a atención primaria senón que busca outras especialidades precisamente polas malas condicións”, argumentou.
A líder do Bloque botou man da denuncia, a enésima, dunha médica de Pontevedra “a quen lle obrigaron a estar 24 horas de garda en tres PACs diferentes”, unha proba de como o Goberno do PP “maltrata ós e as profesionais sanitarias”. Á redución de recursos e de efectivos no período estival, hai que engadir a caótica organización por parte da Consellería de Sanidade e o incremento da carga asistencial derivada da nova onda COVID, provocando un “cóctel explosivo en contra do dereito á saúde”.
Neste sentido, a situación do ambulatorio de Raxó é similar á que viven moitos outros en toda Galiza e require solucións inmediatas, por iso o BNG propón un plan de choque de 200 M€ para sacar atención primaria do colapso, que permita contratación de persoal e incrementar a carteira de servizos, -fisioterapia, psicoloxía clínica, matronas-. Isto no inmediato, porque o Bloque tamén propón unha modificación na actual Lei de Sanidade para destinar o 25% do orzamento do SERGAS a atención primaria, “hai que blindar por lei o corazón do sistema, porque estamos á cola de todo o Estado en investimento en primaria”.
Precísanse máis recursos, mellor xestión e acabar con trece anos de recortes e privatizacións, concluíu, “porque xa vimos que os recortes matan e por iso temos que defender a sanidade pública, que é o mesmo que defender a saúde das persoas”.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, cualificou de “moi grave” a situación do centro de saúde de Raxó, que ten provocado unha masiva mobilización social, “porque chega o verán e o SERGAS recorta servizos xusto cando máis se incrementa a poboación e a carga asistencial. É lamentable e pedimos á Consellería de Sanidade que rectifique e dote ao centro de Raxó dos e das profesionais que necesita”.