Ana Pontón acusa a Rueda de deixar unha sanidade peor que a que atopou cun 14% dos galegos e galegas en lista de espera
Propón garantir por lei destinar á atención primaria o 25% de todo o orzamento de sanidade e novas especialidades nos centros de saúde
Denuncia o “escándalo democrático” que supón ver ao candidato do PP facer campaña electoral usando o seu cargo, os recursos da Xunta e a TVG
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou no Parlamento ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de deixar como legado de 14 anos de gobernos do PP “unha sanidade peor que a que atopou e de ter ao 14% dos galegos e galegas están nunha lista de espera”.
Na sesión de control, a líder do BNG puxo á desfeita dun Goberno do PP convertido “nun perigo” para á saúde da cidadanía: 2.193 M€ en atención primaria, 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado, máis de 200.000 persoas agardando por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 por unha intervención cirúrxica e 118.000 por unha proba diagnóstica.
“Os galegos e as galegas teñen que esperar até dous semanas para ter unha cita co seu médico ou médica de cabeceira; están cansos e cansas de atopar unha médica ou un enfermeiro diferente cada vez que van ao seu centro de saúde, de encontrar os PACs ou as urxencias cada vez máis saturadas ou de esperar meses por unha proba”, denunciou.
Como por exemplo Antonio, explicou Pontón, “que me escribe desde Cabo da Cruz, en Boiro, para dicirme que está pendente dun TAC solicitado con carácter preferente. Sabe canto tempo leva esperando esa proba “preferente? Once meses e, por certo, segundo as súas cifras por un TAC só se espera 77,6 días, pero claro, por un lado están as súas listas maquilladas e por outro a realidade”, argumentou.
Pontón tamén puxo o foco sobre a saúde mental nunha Galiza que está á cabeza do Estado en suicidios, sobre todo entre a xente moza, e cunha taxa de especialistas (cinco por cada 100.000 habitantes) moi por debaixo da media europea (18).
“Tiveron 14 anos para axudar ás familias ante situacións de absoluta desesperación, pero non o fixeron”, reprobou a Rueda, ao que acusou de non ser capaz de achegar propostas tampouco en materia sanitaria porque “está moi ocupado facendo campaña electoral” utilizando os recursos institucionais dunha maneira que “é un auténtico escándalo democrático”.
“En vez de atender os problemas que ten a sanidade pública, está facendo campaña electoral, utilizando o seu cargo de presidente, utilizando os recursos da Xunta e utilizando a TVG con total descaro”, denunciou para advertir ao candidato do PP que “xa non lle vai colar máis propaganda porque os galegos e galegas están fartos dun Goberno que é un perigo para a súa saúde”.
A portavoz do Bloque reprobou ao presidente da Xunta a súa falta de respecto durante o debate parlamentario, xa que, segundo recalcou, “vimos falar da saúde dos galegos e das galegas e vostede vén aquí a rirse”, na que definiu como unha das intervencións máis lamentables que se teñan visto no Parlamento, chea ademais de “paternalismo e descualificacións”. “Ese é o estilo Rueda”, resumiu, para poñer sobre a mesa as propostas do BNG en materia de sanidade.
En concreto, un plan de choque para a atención primaria de 200 millóns así como a recuperación das xerencias con capacidade resolutiva e con recursos, finiquitadas polo PP. A segunda proposta: blindar por lei que o primeiro nivel asistencial reciba o 25% de todo o orzamento sanitario, sen incluír o gasto farmacéutico, tal e como recomenda a OMS. E, como terceira medida, dotar primaria de máis especialidades en particular psicoloxía clínica, dado que o 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental.
Rueda, incapaz de rebater os argumentos da líder do BNG, respondeu falando de Catalunya. “É evidente que vostede non pode traer propostas de sanidade a súa acción de goberno durante catorce anos consistiu en recortar, recortar, recortar e privatizar, privatizar e privatizar”.