Ana Pontón acusa a Rueda de deixar de lado os problemas de Galiza porque só está pendente da calculadora electoral
“Está ao volante dun coche na reserva e a súa única preocupación é saber cantos quilómetros lle quedan antes de quedar parado”, denuncia
Propón consensuar na Cámara o financiamento autonómico e un novo status político de nación con máis autogoberno para que Galiza avance
Hai que ser moi marciano para pensar que o BNG apoiaría a Feijóo, alega
A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou na sesión de control que Galiza está ausente dos grandes debates do financiamento e do modelo territorial ante un goberno do PP “nas últimas” e cun presidente da Xunta cuxa única preocupación é a calculadora electoral.
“Señor Rueda é vostede o presidente accidental dun goberno que está nas últimas, ao volante dun coche co deposito na reserva que ten como única preocupación calcular cantos quilómetros lle quedan antes de quedar parado. Por iso non está nin nos grandes debates nin na realidade da xente, porque está coa calculadora na man para determinar cal é a mellor data para convocar as eleccións en función dos seus intereses partidistas”, denunciou a líder do BNG no cara a cara.
A consecuencia, advirte Pontón, é que Galiza está fora do debate de dous asuntos estratéxicos para o País: o financiamento autonómico e o modelo territorial, ante os que Rueda se limita a ser “simple comentarista” do que propoñen outros. Debates estratéxicos que só poden abordarse desde dúas alternativas: centralismo ou autogoberno.
O presidente da Xunta, indicou, “elixiu o centralismo e goberna desde a submisión a Madrid e aos grandes lobbys económicos, un centralismo letal para este País, que pretende decidir por nós e que absorbe os nosos recursos, electricidade, aforro e até a nosa xente moza”, denunciou, “deixando unha Galiza cada vez máis pequena, cando o que precisamos é pensar unha Galiza en grande”.
Para iso, alegou, hai que optar polo autogoberno real, “actuando con ambición e con visión de País, poñendo sobre a mesa a proposta galega de novo modelo de financiamento e dun novo status político de nación para Galiza”. Neste sentido, Pontón acusou ao xefe do Executivo de difundir o “topicazo centralista” de que Galiza é pobre e precisa da axuda de Madrid xusto cando está a debate un novo sistema de financiamento.
Igualmente, reprochoulle que en catorce anos non conseguira nin unha soa nova transferencia, mentres territorios como Euskadi lograban 26 novas competencias avanzando no seu autogoberno, “quedarse cruzado de brazos neste asunto é retroceder mentres outros avanzan”, advertiu.
Ante a incapacidade política do PP, Pontón formulou tres medidas concretas para acordar na Cámara: desbloquear a comisión parlamentaria de financiamento, reclamar todas as competencias pendentes, “porque as declaracións de amor ao Estatuto do PP están moi ben, pero sería mellor cumprilo e acaban de votar en contra de pedir esas transferencias, argumentou, así que o BNG vai darlles a oportunidade de que rectifiquen traendo ese tema de novo ao pleno”.
A terceira iniciativa á negociar unha proposta para darlle a Galiza un novo status político de nación que lle permita avanzar en autogoberno, “que é o mesmo que dicir avanzar en mellorar a vida dos galegos e das galegas”, explicou.
Pintorescos argumentos do PP
Pontón tamén se referiu na réplica á crítica dos populares ante a negativa do BNG a apoiar a investidura de Feijóo.
“O mesmo BNG ao que criminalizan día si e día tamén, é ao que agora piden apoio” , mesmo con argumentos tan “pintorescos” como que se trata dun candidato galego, “tamén Franco era galego e non o imos apoiar nunca. “Hai que ser moi marciano, ironizou, para pensar que o BNG pode apoiar ao PP, sobre todo porque xa coñecemos o desastre das políticas de Feijóo que nos deixan unha Galiza peor, e por se fose pouco como guinda da torta cun pacto coa extrema dereita machista, racista e antigalega”.
A líder do Bloque aproveitou a sesión de control para pedirlle a Rueda que explique a súa oposición a que se fale en galego no Congreso, “unha vez máis votando en contra de que a nosa lingua se poda usar en igualdade de condicións que o castelán, o presidente da Xunta votando en contra do galego, que bochorno!”, concluíu.