Ana Pontón acusa ao PP de instalarse no canto peor para a maioría social, mellor para os seus intereses electorais en Madrid
“Pensan que poden gañar eleccións cabalgando sobre a crise de prezos, sacar rédito do sufrimento da xente, por iso están de brazos cruzados”
Ante un Rueda escapista, as medidas do BNG: recuperar a tarxeta básica, subir pensións non contributivas, mellorar a RISGA e sumala ao IMV e aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda
Propón plan de choque de 200 M€ para sacar atención primaria do colapso
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao Goberno do PP de instalarse no canto peor, mellor para os seus intereses electorais en Madrid, e por iso non toma medidas ante a maior crise de prezos en catro décadas, cun IPC do 11,1%, que un mes máis volve estar por riba da media estatal, nunha Galiza con salarios e pensións máis baixas.
“E que fai o goberno do PP? Nada, son un goberno cruzado de brazos porque o Partido Popular está instalado no canto peor, mellor, canto peor para a maioría da xente, mellor para os intereses electorais do Partido Popular, canto máis alta a factura da luz, mellor para PP; canto máis suba o litro de gasolina, mellor para o PP; canto máis se incremente a cesta da compra, mellor para o PP”, recriminou Pontón durante a sesión de control.
“Pesan que poden gañar eleccións cabalgando sobre a crise de prezos, sobre o sufrimento da xente, ese é agora mesmo o programa do PP, canto peor para os galegos e galegas, mellor para os intereses electorais do PP en Madrid”, denunciou, e por iso, lonxe de aportar solucións, o Goberno de Rueda “limítase a buscar culpables e pon máis pedras no camiño”.
Pedras como que, cos prezos disparados, sube o recibo da auga a miles de galegos e de galegas, ou a supresión da tarxeta básica que servía para sufragar a compra de alimentos ás persoas con menos recursos. “Non fan nada do que poderían facer e temos un goberno do PP insensible con quen peor o está pasando, buscando sempre culpables sen aportar solucións”, denunciou.
De feito, criticou Pontón, Rueda volveu pechar a sesión de control sen respostas, “unha nova falta de respecto a este Parlamento”, indicou, ao tempo que ironizaba sobre o empeño de Rueda en pedir responsabilidades á líder do BNG: “Parece que xa se ve a vostede mesmo na oposición, pero mire está non é a sesión de control a Ana Pontón”.
Ante o “escapismo” e a falta de propostas do xefe do Executivo, a portavoz nacionalista explicou as alternativas do Bloque para paliar os efectos da subida de prezos, tanto entre os colectivos con menos renda como entre os sectores produtivos máis afectados e as PEMES.
Empezando por recuperar a tarxeta básica no próximo Consello da Xunta, -“porque a solución non está en enviar a xente ós comedores a ve colas da fame senón darlles un trato digno”-, subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, mellorar a RISGA e facela compatible co ingreso mínimo vital, aumentar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda, todo isto para aliviar a situación das familias con menos nivel de renda.
Igualmente, propón axudas directas para a xente do mar e do sector agrogandeiro, “que o están pasando moi mal porque produce por debaixo de costes mentres vostede mira para outro lado”; para as persoas autónomas, “porque sabemos que cada día é máis difícil para moitos e moitas delas levantar a persiana dos seus negocios”, así como para a PEMES. Neste sentido, o BNG pide mobilizar 700 M€, tendo en conta que en 2021 o Goberno deixou sen executar mil millóns de euros dos orzamentos.
Tamén reclamou medidas estruturais, porque Galiza xa saíu “moi tocada” da anterior crise, por tanto, “menos botar balóns fora, menos escapismo, asuma as súas responsabilidades e cambien o rumbo, porque este País non quere un goberno instalado no canto peor, mellor para sacar réditos electorais en Madrid. O que ao BNG lle preocupa son os galegos e as galegas e aquí estaremos traballando para sacar adiante o País”.
Pontón tamén fixo referencia na sesión de control a outro gran asunto que, xunto cos prezos, acapara a preocupacións da cidadanía: o deterioro da sanidade pública.
Maltrato ós e ás profesionais da sanidade pública
“Estes días coñeciamos a enésima denuncia dunha médica obrigada a facer unha garda de 24 horas en tres centros de saúde diferentes. Como pode maltratar así a uns profesionais que se están deixando a pel e que clase de atención pensa que poden prestar profesionais que se declaran exhaustas e maltratados?”, interpelou a Rueda.
Se falta persoal, indicou, “é porque sobra precariedade” e, nese sentido, volveu poñer sobre a mesa un plan de choque de 200 millóns de euros para sacar atención primaria do colapso. “Probe vostede a investir máis e verá os resultados”, recalcou.
Pontón pechou a intervención pedíndolle a Rueda que “deixe o insulto e a descualificación, deixe de embarrar o debate e as fakenews, terreo no que o PP se sente tan a gusto pero no que nunca van encontrar ao BNG”, alegou.