xerais 2023

Ana Pontón: “Acceder á vivenda é misión imposible. Queremos para Galiza a xestión directa das vivendas da SAREB”

Vigo

Cualifica de retroceso a política de vivenda do PP nos últimos 14 anos e comprométese a facer avanzar o País cun grupo galego forte en Madrid

Carme da Silva: “Urxen políticas públicas de vivenda. En Vigo o 90% dos menores de 30 anos non teñen recursos para emanciparse”

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou hoxe en Vigo as propostas que defende o BNG en materia de vivenda. No acto estivo acompañada pola cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, e polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas.

Pontón anunciou que “o BNG vai defender no Congreso que se cedan inmediata e gratuitamente á Xunta de Galiza todas as vivendas que a SAREB ten no noso País aptas para uso residencial, como é o caso destes inmobles na Rúa Aragón de Vigo onde nos atopamos”. “Estas vivendas xa as pagamos os cidadáns e as cidadás co rescate bancario, así que é inadmisible ter que pagalas dúas veces porque xa son públicas”, engadiu.

A proposta do Bloque pasa por que as vivendas do banco malo sexan transferidas para ser xestionadas desde a administración galega, e poñer estes pisos a disposición das persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda. “Trátase dunha medida que  defenderemos ante o Goberno do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas co seu voto nas eleccións do 23 de xullo” indicou a portavoz nacional, engadindo que “será un apoio que, estou convencida, permitirá ter un grupo galego forte capaz de facer respectar Galiza en Madrid da man do BNG”.

A portavoz nacional subliñou que “o BNG pon no centro esta proposta nun contexto en que acceder a unha vivenda estase convertendo en misión imposible para milleiros de persoas neste País, xente moza pero tamén familias con salarios baixos e mesmo con salarios medios, ante a subida imparable dos prezos”.

Nun contexto no que o prezo da vivenda en aluguer aumentou en Galiza un 25%, hoxe os galegos e galegas pagan de media 1.120€ máis cada ano. En lugares como Vigo esta cifra é aínda máis alta despois de experimentar unha subida anual de 1.700€. “Mentres isto pasa vemos un PP está cruzado de brazos, tras varios anos nos que dinamitou a política social de vivenda”, denunciou Pontón.

A portavoz nacional destacou que “mentres que o PP prometeu 870 novas vivendas de promoción pública no anterior plan de vivenda e 2015-2020, só adxudicou 40 en todo ese período”. “Isto só amosa a incapacidade dun goberno que deixou abandonada á xente cando ten problemas para acceder a un dereito fundamental como é o da vivenda”, lamentou.

“Por iso, entre as propostas coas que o BNG se presenta ás eleccións xerais do 23 de xullo, está a de reclamar ante o Estado a cesión a Galiza dos pisos e vivendas da SAREB que se atopen en situación de ser habitadas, tanto en Vigo como no conxunto do País” subliñou Pontón. “É un compromiso que defenderemos no Congreso a partir do 23 de xullo da man dun grupo galego forte”, concluíu.

Carme da Silva, cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra

A candidata do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, reclamou en Vigo - ante as 155 vivendas baleiras da SAREB na rúa Aragón- políticas públicas  de vivenda e subliñou que o mercado non pode decidir quen pode acceder a unha vivenda para vivir dignamente.

A nacionalista lembrou que Vigo é a cidade con máis poboación de Galiza e unha das zonas do país con máis presión para o acceso á vivenda, con 22.000 pisos baleiros segundo datos do INE, pero apenas só dispoñibles pouco máis de 400 para aluguer cun prezo medio de 750 euros.

Destacou que ante isto, os datos indican que un 90% dos mozos menores de 30 anos na cidade olívica non poden emanciparse por falta de recursos, e puntualizou que “non estamos a falar de acceder a  unha vivenda en propiedade, de adquirir unha vivenda, senón de acceder a unha vivenda que permita desenvolver un proxecto de vida con normalidade”.

Salientou a candidata que non é asumible que unha parte moi importante da poboación, mozos e mozas, pero tamén outras persoas que aínda tendo traballo, non alcancen a cubrir esta necesidade básica. Por este motivo urxiu políticas públicas tanto dende o Goberno galego como dende o Estado, para que os pisos baleiros da Sareb formen parte do parque de vivendas en alugueiro.

“Para que ter un lugar onde vivir deixe de ser un luxo, para iso necesítase un grupo galego forte do BNG, para poder trasladar no Congreso a necesidade de que haxa intervención e política pública. É preciso que se saque unha parte da política de vivenda do mercado. Non pode ser o mercado o que decida quen pode e non pode acceder a unha vivenda”, finalizou.