Ana Pontón abre campaña pedindo unha mobilización masiva o 12X para facer posible o cambio galego cunha presidenta do BNG
“Ninguén que queira abrir un tempo novo pode quedar na casa”, alega, convencida de que a candidatura que lidera “será a catalizadora do cambio que derrote ao PP”
Comeza a conta atrás para que Galiza teña un goberno capaz de “prender” o motor do país desde a confianza nas propias forzas, proclama no mitin de arranque
O BNG abriu campaña coa tradicional pegada de carteis en Santiago de Compostela, e desde a Praza das Praterías a candidata á Presidencia, Ana Pontón, instou a todas as persoas que queren un cambio real a expresalo nas urnas cunha mobilización masiva da man BNG, para “facer historia” logrando que, por primeira vez, este país teña unha muller e unha nacionalista presidenta, liderando o goberno que permita construír unha nova Galiza.
“Comeza unha campaña na que nos marcamos un obxectivo tan ambicioso como ilusionante: facer historia é que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista como presidenta”, proclamou, “facer historia é conseguir o cambio que prenda o motor deste país e venza á parálise e a submisión que representa o PP; facer historia é construír unha nova Galiza, gobernada desde nós, viva, dinámica, con futuro, que se faga valer, que non baixe a cabeza diante de Madrid e que aposte con decisión por abrir un país novo”, proclamou Pontón, tras as intervencións da portavoz municipal, Goretti Sanmartín e do cabeza de lista pola Coruña, Xosé Luís Rivas.
A líder nacionalista deixou claro que “hai partido” e no Bloque “saímos a ganalo desde o minuto cero, porque temos un equipazo de homes e mulleres con talento e con amor polo país, candidatos e candidatas coas mans libres para defender á xente deste país, sen ter que pedir permiso a Madrid”, subliñou.
“Un goberno liderado polo BNG vai demostrar que hai solucións para ALCOA, claro que é posible salvar o emprego e a produción dun sector estratéxico para Galiza. Como teñen a cara de dicirnos que non hai solución os mesmos que puxeron sobre a mesa 90.000 M€ para rescatar a banca, os mesmos que puxeron sobre a mesa 5.000 M€ para rescatar as radiais madrileñas! Por que ALCOA non, porque A Mariña non? Imos demostrar que hai solución cando teñamos un goberno que se faga valer, será posible a partir do 12 de xullo”.
Un goberno liderado polo BNG vai demostrar que é posible acabar co espolio enerxético, que é posible poñer fin a estafa das peaxes, que é posible poñer o país a producir, que é posible aproveitar os nosos recursos para xerar riqueza e emprego, vai demostrar que é posible traer a mocidade emigrada, que é posible ter servizos públicos fortes e libres de recortes, que é posible mellora a vida das persoas, argumentou na súa intervención no arranque de campaña.
O 12 de xullo “toca escoller”, indicou, “entre a Galiza parada de Feixóo e a Galiza co motor en marcha do BNG, escoller entre unha nova maioría do PP para que seguir no retroceso, perdendo peso económico, político e social ou elixir o cambio galego que representa o BNG cun proxecto capaz de poñer o país en marcha”.
“Quero ser a presidenta desa nova Galiza, dese país que se vai facer valer, que vai usar ao seu favor a súa capacidade, o seu potencial, os seus recursos. E por iso, apelo hoxe a toda esa Galiza viva, dinámica e esperanzada que non quere catro anos máis de parálise e retroceso senón que quere abrir un tempo novo, apelo a que se mobilice por un cambio real para facer historia, para que por primeira vez Galiza teña unha muller nacionalista na Presidencia”, recalcou.
Confiar nas propias forzas
Pontón non escatimou entusiasmo e corazón á hora de pedirlles aos galegos e as galegas que aposten por darlle “un novo rumbo” ao país o 12X, “confiando en nós mesmos, en nós mesmas”, sabendo que o BNG é a única forza capaz de liderar un goberno “que se faga valer” e por iso “somos a alternativa para derrotar ao PP”.
“É tempo de que teñamos un Goberno que mire polo noso e acabe con tantos anos de submisión que nos deixan un país minguante: menos poboación, menos emprego, menos industria, menos oportunidades. Por contra, Galiza ten que ir a máis en oportunidades, en igualdade real das mulleres, en futuro para a xente moza, a máis en innovación e emprego”, enumerou.
Ilusión e rebeldía para poñer Galiza en marcha
“É tempo de prender o motor de Galiza e recuperar o pulso do país, tempo de poñer en marcha un goberno liderado polo BNG con proxectos e con ideas para mellorar a vida da xente; é tempo de ilusión e de rebeldía é o tempo de levar ás urnas as loitas sociais contra os recortes e as privatizacións nos servizos públicos e nos servizos sociais apoiando de maneira masiva o cambio galego que representamos”, proclamou a líder nacionalista.
“Hoxe comeza a conta atrás do cambio galego e como candidata eu, e o resto de compañeiros e compañeiras, enfrontamos a campaña con ilusión, conscientes de que estamos nun momento excepcional no que Galiza pode facer historia cunha muller nacionalista como presidenta”, concluíu.