Ana Pontón: “O 18 de febreiro saímos a gañar”
A líder nacionalista afirma que o BNG está preparado para gañar e liderar o goberno do cambio para darlle un presente e un futuro mellor ao País
“Son a candidata de todos os galegos e galegas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, indica
“O 18 de febreiro saímos a gañar”. Así o afirmou a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, logo de coñecer a convocatoria das eleccións galegas para esa data, un adianto electoral que considerou unha “gran noticia” porque “canto antes votemos, antes os galegos e galegas van poñer en marcha o cambio que necesita este País, un cambio que xa está en marcha, que é imparable e que estará liderado polo BNG”.
A líder nacionalista dixo sentirse con “máis ganas, máis ilusión e máis preparada que nunca” para darlle a Galiza “o mellor goberno da súa historia”, dende “a humildade, pero tamén dende o orgullo, a ambición e a confianza de que somos un gran País e que temos todo por gañar”.
Son a candidata de todos os galegos e galegas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións
Pontón afirmou en rolda de prensa presentarse como “a candidata de todos os galegos e de todas as galegas que queren cambio, votasen o que votasen noutras eleccións”, xa que, segundo subliñou, “hai moitas maneiras diferentes de sentirse galegas e galegos e todas son necesarias para construír a mellor Galiza, para construír un País mellor”.
A candidata do BNG quixo dirixirse á cidadanía para dicirlle que “estamos nun momento no que hai unha nova maioría que quere cambio” e que ese cambio “é posible”. “Hai que facelo o 18 de febreiro participando nas urnas”, indicou.
Neste sentido, explicou que os galegos es galegas van ter que escoller o 18 de febreiro entre dúas alternativas: ou seguir cun goberno do PP “que nos está deixando unha Galiza peor da que encontrou” ou apostar “pola esperanza e a ilusión cun goberno liderado polo BNG, que está preparado para darlle a este País un presente e un futuro mellor”.
A líder do Bloque avanzou que de aquí á cita coas urnas, traballará para “conseguir a confianza de todos os galegos e galegas que non se conforman co malo coñecido, que queren o mellor”, porque, segundo recalcou, “no BNG temos un proxecto de País para conseguilo”. Nesta liña, avanzou unha campaña “de ideas e de propostas” coa que devolverlle “a esperanza e a ilusión” aos galegos e galegas porque, segundo incidiu, “é posible un País mellor”.
Estamos preparadas, estamos convencidas de que este é o momento do cambio
“Desde logo non vou perseguir imposibles, nin prometer o que non poida cumprir, pero vou dar o mellor de min cada día para transformar este País, para que en Galiza haxa máis oportunidades, teñamos unha mellor sanidade e unha mellor educación públicas, para que poñamos a enerxía ao servizo dos galegos e das galegas e para que construamos un País mellor entre todos e entre todas”, afondou.
Para Pontón, o obxectivo último é conseguir “mellorar a vida das persoas”, porque segundo afirmou, “é o que lle dá sentido á política, poñer as persoas no centro, traballar por e para elas, e entre todos e todas construír a mellor Galiza”.
“Estamos preparadas, estamos convencidas de que este é o momento do cambio, de que este é o momento de facer historia para que este País teña por primeira vez a unha presidenta coas mans libres” para defender os intereses dos galegos e as galegas”, concluíu.