Ana Pontón: “Os 10 anos de Feixóo na Xunta foron un decenio negro para Galiza”

Ana Pontón

“É como unha mala herba que non deixa florecer Galiza”, sintetiza a portavoz do BNG como balance dos gobernos do xefe do Executivo

O BNG considera moi negativo o balance de xestión do goberno Feixóo que a portavoz nacional, Ana Pontón, cualifica de “decenio negro” e urxe a deixalo atrás aproveitando as sucesivas citas electorais que hai por diante.

“A día de hoxe se se celebrasen eleccións non sería presidente, non só porque as enquisas poñen de manifesto unha caída do PP senón tamén porque, tras unha década de goberno, Feixóo deixa unha Galiza con máis paro, con máis desigualdade, coa sanidade pública tocada a base de recortes e privatizacións, con milleiros de mozos e mozas na emigración”, argumentou Pontón. Ante este balance, “hai unha maioría que pensa que este país precisa un cambio e que este debe vir da man de forzas propias”.

A dirixente do Bloque mostrouse confiada nese cambio e de que os galegos e as galegas van aproveitar as urnas para mudar a situación. “Temos a oportunidade de mudar as cousas, de construír un país con emprego digno, que aposte pola igualdade, que defenda a lingua propia, a oportunidade de deixar atrás o decenio negro das políticas de Feixóo. Porque o seu goberno é como as malas herbas que impide que Galiza poida florecer”, denunciou.

Pontón criticou a subordinación a Madrid do xefe do Executivo e tamén destacou que determinadas políticas involucionistas en temas de lingua ou de igualdade que agora escandalizan xa se estrearon en Galiza da man de Feixóo.

“As primeiras medidas foron atacar o galego derrogando un decreto que tiña o consenso da comunidade educativa e eliminando o idioma propio como requisito para acceder á función pública. A segunda medida, cuestionar o dereito das mulleres a decidir sobre a súa maternidade desviando fondos a unha rede nai antiabortista que traballa en contra dese dereito”, explicou.

“Recórdame a Gallardón, que se disfrazou de progre pero que escondía a política máis reaccionaria do PP”, comparou, por iso non lle sorprende que non se teña desmarcado “das ofensivas declaracións” de Casado, pois nestes dez anos leva aplicado medidas que agora pretende impulsar a dereita e a extrema dereita tanto en materia de lingua como de igualdade.

No debe desta década de Goberno do PP, a irrelevancia política á que Feixóo conduciu a Galiza.

“Dixo que o noroeste estivera dez anos calado, eu non sei a que se refire cando fala do noroeste, pero sei que estivo dez anos calado como presidente da Xunta sen defender os intereses do noso país e pregándose sempre aos intereses do PP con consecuencias moi negativas para os e as galegas. Merecemos algo mellor que un presidente encastelado, fora da realidade, que ignora as dificultades da maioría social”, concluíu.