Ana Miranda: “A Xunta ten moito medo á investigación da megaminería no Parlamento Europeo como a da mina de Touro”
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica a actuación do goberno galego, que vén de enviar unha carta á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para tratar de que peche unha petición, en concreto referida á investigación sobre a mina de Touro, decisión que debe ser tomada polos diferentes grupos políticos que integran a Comisión. Ao seu xuízo trátase da consecuencia do “medo que ten o goberno galego a que o Parlamento Europeo investigue a megaminería en Galiza e as súas consecuencias”.
“O Grupo Verdes – Ale, no que está o BNG, vai impedir que a petición sobre a mina de Touro se peche”, afirma Miranda ao respecto, como medida de cautela e observación das actuacións que se desenvolvan no futuro neste territorio. “Resulta moi curioso a tardanza do goberno galego no envío dos informes correspondentes á mina de San Finx e a présa que tiveron neste caso. Debe ser que teñen bastante que ocultar", apunta.
Consecuencias negativas
A portavoz do BNG en Europa lembra que a Comisión de Peticións tratou tres denuncias sobre a mina de Touro na súa sesión do pasado 12 de novembro, denuncias que quedaron abertas co apoio da maioría dos grupos políticos con representación na comisión parlamentar. Na defensa desas petición compareceron no Parlamento Europeo representantes da Plataforma veciñal Mina de Touro – O Pino NON, Cova Crea e Petón do Lobo e nas súas intervencións expuxeron as consecuencias negativas do proxecto de reapertura da mina de cobre a ceo aberto que tramitaba a empresa Cobre San Rafael, así como a falta de transparencia por parte da Xunta de Galicia no procedemento.
Miranda sinala que a situación na que se atopan eses terreos incumpre tres directivas europeas, como son a Directiva Marco da Auga, debido ao impacto na ría e ríos adxacentes; a Directiva de Información Ambiental, porque no se tivo o acceso a todos os informes; e a Directiva de Tratamento dos Residuos. “Desde o Bloque estaremos vixiantes para poñer freo á contaminación e a acumulación de residuos, que provoca interferencias negativas con outras actividades económicas da zona”, salienta.