Ana Miranda urxe a solucionar os problemas co voto exterior para garantir o dereito de toda a cidadanía
A eurodeputada do BNG denuncia as irregularidades na recepción da documentación e as papeletas
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, en representación da coalición Agora Repúblicas, denunciou hoxe ás portas do Congreso os múltiples problemas que existiron na xestión do voto nas pasadas eleccións xerais das persoas que residen no exterior, en concreto en Inglaterra, Cuba, Irlanda, Italia, Portugal, Estados Unidos, Filipinas e Kenia, referidos especialmente á recepción da documentación e as papeletas. “É imprescindible que estas irregularidades non se repitan nas eleccións europeas co obxectivo de garantir o dereito ao voto de toda a cidadanía”, destacou.
Nunha comparecencia xunto ao senador de Esquerra Republicana Bernat Picornell e a senadora Mirella Cortès, Ana Miranda salientou que esas irregularidades, denunciadas pola cidadanía, “van contra o denominado Estatuto dos Cidadáns no Exterior, que fai un chamamento á participación política”. A eurodeputada sinalou que xa trasladou estes problemas tanto ao Ministerio de Asuntos Exteriores como ao presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tajani.
A eurodeputada do Bloque explicou as diferentes incidencias que se produciron co voto emigrante nas pasadas eleccións xerais, desde a non recepción da carta do censo electoral para solicitar o voto, até a imposibilidade de rogar o voto. “A estas alturas atopamos con queixas sobre o colapso dos faxes das oficinas electorais ou a falta de papel” criticou Miranda en referencia tamén ao colapso da web do INI, que presentaba errores nos días previos ao fin do prazo, situación que provocou a súa ampliación “de forma electoralista” por parte da Xunta Electoral e causou por tanto malentendidos sobre o verdadeiro límite do prazo ante a falta de claridade de información, así como inseguridade polas colas detectadas no momento de exercer o voto.
Papeletas que nunca chegaron
O caso máis común de entre as irregularidades detectadas, segundo apuntou a eurodeputada do Bloque, consistiu en que as papeletas “nunca chegaron” ou chegaron unha semana despois das eleccións, pese a que todas as persoas rogaron o voto en tempo e forma. Estas foron as queixas remitidas sobre todo desde Portugal, Estados Unidos e Alemaña.
“Desde a coalición Agora Repúblicas fíxense que inclusivos somos que estamos pedindo que se garante o dereito ao voto para todas as persoas no exterior e que poidan exercer o seu dereito como cidadás”, manifestou a eurodeputada do BNG, “xa que para iso existe unha normativa estatal”, engadiu. “Estaremos vixiantes de que se garante o dereito ao voto nas mesmas condicións para todas e todos”, concluíu.