Ana Miranda urxe reprogramar o FEMP para paliar o impacto da crise causada polo Covid19 na frota pesqueira galega
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende a activación do Fondo Europeo e Marítimo de Pesca (FEMP) para paliar as consecuencias da paralización das actividades pesqueiras e marisqueiras que poden sufrir estes sectores en Galiza. “Somos conscientes de que por unha banda boa parte dos profesionais destes sectores necesitan parar para evitar a enfermidade, pero por outro lado sabemos que a súa preocupación polo impacto na economía das familias é máximo”, explica.
Ana Miranda fai referencia, por un lado, aos prexuízos que pode causar o paro da frota galega posto que se trata dun sector estratéxico da economía galega no abastecemento de alimentos; e, por outro, ao incremento das dificultades que sofren os colectivos de redeiras e mariscadoras. Considera que á desprotección que padecen habitualmente, -que tal e como xa ten denunciado o Bloque traballan nunhas condicións xa de por si moi difíciles e que non son incluídas no sector do mar-, súmase agora os riscos de contraer a enfermidade causada polo coronavirus ao non contar en moitos casos con equipos de protección adecuados nin poder manter a distancia de seguridade.
“Tendo en conta esta situación desde o BNG pensamos que é imprescindible activar e flexibilizar o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca”, subliña a portavoz do Bloque en Europa, quen defende que as axudas por cese temporal de actividade deben incluír claramente a corentena. Segundo explica deben realizarse modificacións lexislativas urxentes de forma que o actual FEMP inclúa a posibilidade de recibir axudas polo cese temporal de actividade, por afección directa (corentena) ou indirectas debido a factores comerciais como a imposibilidade de venda en moitos lugares, polo que tamén é necesario contemplar axudas para o almacenamento de produtos do mar.
Garantir as medidas de protección
Miranda considera que así mesmo debe reprogramarse o programa estatal e que o Estado solicite a Bruxelas que a cota de 2020 non usada por esta crise poida pasar ao ano seguinte. Ademais, o BNG considera imprescindible garantir as necesidades de barcos e tripulacións como o material que esixen os protocolos de saúde e hixiene axustados a cada frota, garantir o movemento de tripulacións entre embarcacións e cidades de orixe e esixir que haxa nos barcos e lonxas as medidas de protección imprescindibles, como máscaras e luvas.
"O sector do mar non pode ser abandonado polas administracións xa que é estratéxico en Galiza e del viven moitas familias. Ten un especial impacto na nosa economía, polo que consideramos urxentes as medidas de seguridade sanitaria e as axudas económicas", conclúe a portavoz do Bloque en Europa.