Ana Miranda traslada a solidariedade do BNG coa causa curda no Congreso do Partido Democrático do Pobo-HDP
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa en Ankara no congreso anual que esta fin de semana celebra o Partido Democrático do Pobo - HDP, onde traslada a solidariedade do BNG co pobo curdo. Miranda denuncia ademais a constante vulneración dos dereitos humanos por parte do goberno turco, que mantén no cárcere a centos de cargos institucionais do HDP.
A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG considera fundamental denunciar a situación de represión que vive o pobo curdo, tendo especialmente en conta que se trata dun pobo que defende uns valores democráticos e que busca vivir en paz cun obxectivo claro de defensa dos dereitos humanos e que o HD é a terceira forza política co 13% dos votos. “Resulta imprescindible que lles amosemos todo o noso apoio”, salienta Ana Miranda.
Precisamente a portavoz do Bloque en Europa participou como observadora na Delegación do Parlamento Europeo no xuízo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, en prisión preventiva desde novembro de 2016, que tivo lugar no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo o pasado mes de setembro. Durante esa misión de observación Miranda mantivo un encontro co copresidente do HDP e diversas parlamentarias presentes na sesión, como Uca Feleknas, unha das líderes políticas referentes, así como coa muller de Demirtas e os seus avogados.
Pluralismo político
O propio Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo pediu que Turquía puxera en liberdade ao copresidente deste partido curdo, lembra Ana Miranda, xa que considera que a actitude de Turquía pon en perigo o sistema democrático vulnerando a liberdade de expresión e o pluralismo político con ataques e prisión para moitos electos do HDP, xornalistas e académicos.
Durante o Congreso, Ana Miranda manterá ademais encontros con diversos colectivos do Curdistán, continuando así a longa relación que mantén o BNG cos partidos defensores da autodeterminación e dos dereitos humanos do pobo curdo. Así, en decembro de 2018 participou na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía, así como na delegación de observadores internacionais no referéndum que tivo lugar en Turquia no ano 2016.