Ana Miranda solicita á Comisión que manteña a petición contra a incineración de residuos e a favor da reciclaxe
A eurodeputada do Bloque denuncia que o modelo SOGAMA é ineficiente e causa un prexudicial impacto ambiental
A eurodeputada do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, solicita á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo -da que é titular- que manteña aberta a denuncia presentada pola Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe contra o modelo SOGAMA, maioritario en Galiza.
Segundo Miranda, para Galiza é imprescindible que esta petición siga aberta “se queremos camiñar na procura dun modelo respectuoso co medio ambiente e que cumpra a normativa comunitaria de xestión de residuos”. Neste sentido, explicou que o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza foi aprobado en 2011 e cofinanciado pola Comisión Europea con 72 millóns de euros.
Este modelo de xestión, desenvolvido por SOGAMA, presenta o problema de ser excesivamente centralizado, polo que os residuos percorren grandes distancias dende onde se xeran ate as instalacións de tratamento, o cal supón un alto consumo enerxético na recollida e no transporte.
Precisamente o Goberno galego incumpre a normativa comunitaria en xestión de residuos por non estabelecer a xerarquía dos mesmos e por non realizar medidas de prevención e preparacións para a reutilización e a reciclaxe. “Ademais de incumprir a aplicación da xerarquía de xestión de residuos, tamén incumpre diferentes elementos normativos relacionados coa eficiencia enerxética esixida”, sinalou Ana Miranda.
“O problema é que este modelo financia a eliminación en vez da recuperación e a reciclaxe”, manifestou a eurodeputada nacionalista, para quen é “un erro social e medioambiental” que os obxectivos non vaian encamiñados a aumentar a reciclaxe e a recuperación. De feito, destínanse 3,4 veces máis recursos económicos a cada tonelada eliminada que a cada tonelada reciclada.
Centralización
Por outro lado, a centralización de residuos provoca que estes teñen que percorrer máis de 100 quilómetros desde a súa lugar de orixe até o destino. Para o BNG, esta circunstancia fai aumentar considerablemente os custes de tratamento e a contaminación que se xera no proceso.
“O impacto ambiental que provoca o modelo SOGAMA deberá ser reducido cunha xestión máis eficaz e que cumpra a normativa europea”, afirma Ana MIranda, quen agarda que esta petición sexa tratada sen demora na Comisión de Peticións.