Europeas 2024

Ana Miranda: "seguiremos traballando, tamén desde Europa para conservar o entorno do río Rato fronte ao modelo do PP que pretende unha rolda Leste anacrónica"

Lugo

A candidata do BNG ás eleccións europeas visitou o Parque do Rato, reserva da Biosfera

Miranda: "seguiremos a traballar desde Europa para garantir o mantemento das nosas zonas verdes"

A candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, visitou o Parque do Rato xunto con integrantes candidatura do Bloque e o portavoz do BNG na cidade, Rubén Arroxo para destacar o compromiso do BNG coa protección do Parque do Rato –conformado por 4 kilómetros de senda verde e bosque autóctono- fronte á destrución que pretendeu acometer o PP mediante a continuación da denominada rolda leste nunha zona que é reserva da Biosfera e de especial protección. Ana Miranda afirmou que "a decisión da xunta de renovar a Declaración de Impacto Ambiental deste proxecto é unha boa noticia para Lugo, hai que garantir a protección do parque do Rato como pulmón verde de Lugo ante o modelo anacrónico que defendeu o Partido Popular".

Na pasada lexislatura, o BNG, da man de Ana Miranda, trasladou á Comisión Europea que a declaración de impacto ambiental coa que o PP pretendía levar adiante o proxecto, realizada no 2003, era caduca, e totalmente insostible por non adaptarse á realidade actual. "Vemos como a Xunta de Galiza deu a razón ao BNG e este proxecto terá que cumprir coa normativa actual de protección medioambiental, moito máis restrictiva que no ano 2003", afirmou Ana Miranda.

“As galegas e galegos precisamos dunha voz propia para que os problemas cheguen ás instancias europeas" afirmou Ana Miranda, que engadiu "desde o BNG comprometémonos a seguir sendo a voz galega en Europa e mellorar a vida das persoas para atopar solucións, para reducir as desigualdades, para combater a discriminación, para facer e deixar un mundo mellor”.