Ana Miranda e Rubén Cela representan ao BNG nos actos da Diada Nacional de Catalunya
Un ano máis, O Bloque participa nos actos organizados por Esquerra Republicana para conmemorar a Diada Nacional de Catalunya. Serán a eurodeputada Ana Miranda e o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, como responsables da área de Internacional da Executiva Nacional do BNG, os encargados de trasladar o apoio do BNG á forza soberanista catalá.
Os actos previstos comezarán mañá, 10 de setembro, coa conferencia "Liberando o noso potencial: o noso dereito á independencia”, que terá lugar no Campus da Ciutadella da Universidade Pompeu Fabra University. Xa o día 11, a primeira hora, Miranda e Cela participarán na ofrende floral diante do monumento adicado a Rafael Casanova, e posteriormente tomarán parte do encontro das diversas organizacións trasladadas a Barcelona para participar no acto político organizado por Esquerra Republicana.
Ademais destes actos, os membros da área de Internacional da Executiva Nacional do BNG tamén teñen previsto manter un encontro coa agrupación local do Bloque de Catalunya, que na súa traxectoria mantén un forte compromiso coa loita desenvolvida polo movemento soberanista e as reivindicacións das nacións sen Estado.
Dereitos dos pobos
Por outro lado, os nacionalistas participaran na conmemoración que hoxe organiza o CIEMEN (Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e as Nacións)dos 25 anos da Declaración Universal dos Dereitos Colectivos dos Pobos, un texto que defende e promove os dereitos colectivos dos pobos e as nacións sen estado en todo o mundo.
Neste marco, a eurodeputada Ana Mirana participará nunha mesa redonda que se celebrará no Ateneo Barcelonés para analizar a vixencia desta declaración. Nesta charla tamén intervirán Marta Rovira, secretaria xeral de ERC; Igor Zulaika, responsable de relaciones internacionais de EH Bildu François Alfonsi, eurodeputado de Femu en Corsica; Declan Keaney, coordinador nacional do Sinn Fein; Hervør Páldosttir, deputada de Tjodveldi no Parlamento das Illas Feroe; e Yves-François Blanchet, deputado do Bloque Quebecois no Parlamento canadense.
O acto, que será presentado e moderado pola xornalista Rita Marzoa e clausurado polo presidente do CIEMEN, David Minoves, contará coa participación do President da Generalitat, Pere Aragonès, e representantes de diversas organizacións políticas das nacións sen estado.