Ana Miranda representa ao Grupo Verdes-ALE da Eurocámara na Asemblea parlamentar Euro-Latinoamericana
A eurodeputada do BNG defende unha resolución de apoio ao expresidente Lula da Silva e critica a xudicialización da política
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa desde este luns na Asemblea Europarlamentaria Euro-Latinoamericana (EuroLat) en representación do Grupo parlamentar da Eurocámara Verdes-Alianza Libre Europea/ALE, no que está integrado o BNG. A Asemblea celébrase até o 20 deste mes en Viena coa participación de 75 eurodeputados e 75 representantes dos Parlamentos de Latinoamérica e o Caribe.
A axuda ao desenvolvemento e os retos da globalización centran a undécima sesión plenaria de EuroLat, así como a situación democrática en Brasil. Neste sentido, a eurodeputada do Bloque promove unha resolución urxente asinada por deputados de esquerda de ambos continentes apelando ao Tribunal Supremo de Brasil para que “restableza as condicións mínimas da lei no proceso contra o presidente Lula, ordene a súa liberación e garanta o pleno exercicio dos seus dereitos fundamentais.
Ana Miranda, neste sentido, denuncia a xudicialización da política pero non só en referencia ao expresidente de Brasil, senón tamén no tocante a dos eurodeputados cataláns actualmente na cadea, Raul Romeva e Oriol Junqueras, aos que recentemente visitou no cárcere de Lledoners.
O plenario de EuroLat votará ademais un informe que insta a fortalecer a capacidade legal e institucional dos parlamentos e o poder xudicial para combater a impunidade de maneira efectiva. “Necesitamos desenvolver ferramentas para a consolidación das democracias, a protección dos dereitos humanos, a loita contra a violencia criminal e a erradicación da corrupción”.
No tocante ao desenvolvemento sostible, os e as participantes en EuroLat debaterán un informe sobre a posta en marcha da denominada Axenda 2030 que estima que ese desenvolvemento depende especialmente da capacidade e recursos dos gobernos locais e rexionais.
Desaparición de menores
Outro tema que Ana Miranda considera fundamental na axenda da Asemblea refírese á loita contra a desaparición forzada de menores. Ao respecto, o informe de EuroLat pide unha mellor coordinación internacional, a creación dun novo sistema de alerta preventiva para nenos e nenas desaparecidos e unha mellor formación para o funcionariado público encargado de prestar axuda nestes casos.