Ana Miranda representa ao BNG na toma de posesión da nova presidenta electa de Honduras, Xiomara Castro

Ana Miranda

Ana Miranda: “Desde a Executiva do Bloque reforzamos a nosa convicción internacionalista e democrática”

 

A portavoz do Bloque en Europa, Ana Miranda, asistirá este xoves 27 de xaneiro á toma de posesión da nova presidenta de Honduras, Xiomara Castro, que resultou elixida nos comicios do pasado 28 de novembro. “Estamos diante dun acontecemento histórico que fai posible que a esquerda volva gobernar Honduras tras o golpe de estado que derrocou ao presidente Manuel Zelaya en 2009”, sinala Miranda.

Como coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda participará en diversas reunións bilaterais previstas na axenda oficial da “Transmisión de Mando Presidencial” e nos saúdos ás delegacións oficiais. Ademais, manterá diversos encontros con representantes do Partido Libertad y Refundación (Libre), do que forma parte a presidenta electa, e con diversos colectivos medio ambientais, feministas e de defensa de dereitos humanos.

“Seguimos reforzando o internacionalismo do Bloque, así como o firme apoio a unha presidenta electa con moito apoio popular nun país afogado pola pobreza e a corrupción que, nestes días previos á investidura, pasa por unhas condicións adversas de confrontamento político”, subliña Ana Miranda, quen asiste ao traspaso de poderes en Honduras en nome da Executiva do BNG.

Presentes na Asemblea Nacional

O BNG reitera o apoio á presidenta Xiomara Castro e ao Partido Libre, partido que estivo presente entre as delegacións convidadas na pasada Asemblea Nacional do BNG, celebrada o 7 de novembro de 2021. "A libre determinación do pobo de Honduras, que dixo claramente non ao golpe de estado, e un rotundo si democrático e merece todo o respecto do Bloque. Por iso estamos en Tegucigalpa apoiando esta vitoria lexitimamente democrática do pobo hondureño”, salienta Ana Miranda.