Ana Miranda representa ao BNG na pre-sesión do Exame Periódico Universal de Dereitos Humanos da ONU
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, estará mañá na sede da Organización de Nacións Unidas (ONU) de Xenebra en representación do Bloque e da Fundación Galiza Sempre, para participar na pre-sesión do Exame Periódico Universal (EPU) de Dereitos Humanos, que se celebrará precisamente no Día Internacional dos Dereitos Humanos e que o Estado español terá que pasar en xaneiro de 2020.
Esa presesión ten como obxectivo ofrecer unha plataforma internacional na que as organizacións civís poidan, antes das sesións oficiais do EPU, propor directamente aos Estados aqueles temas nos que fai falla focalizar a atención sobre o cumprimento dos Dereitos Humanos. Deste xeito, Miranda participará, xunto unha ampla delegación de representantes da sociedade civil do Estado, na denuncia conxunta sobre temas como a Lei Mordaza, os ataques á liberdade de expresión, aos dereitos lingüísticos e o veto ao acceso aos documentos relacionados coa ditadura.
“Hai que rematar coa herdanza da ditadura franquista e denunciala en todas as institucións internacionais, tanto na Eurocámara como na ONU”, salienta a portavoz do Bloque en Europa. Lembra que o pasado mes de agosto, o BNG e a Fundación Galiza Sempre, representados pola propia Miranda e o investigador Carlos Babío, -coautor do Libro “Meirás, un pazo, caudillo, un espolio”-, presentaron unha denuncia que tiña por obxecto investigar ao Estado español por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo que son “un anacronismo en Europa”.
Esclarecemento da verdade
Ana Miranda sinala que hai catro anos o Informe de Nacións Unidas de Pablo de Greiff sobre o franquismo, fixo unha serie de recomendacións, entre as que figuraba o acceso á verdade na ditadura franquista. En concreto sinalaba que “se deben facilitar mecanismos institucionais para o esclarecemento da verdade da ditadura”, polo que o BNG denuncia que este esclarecemento da verdade “non se puido facer” e mesmo “atopamos moitas limitacións para acceder a documentos públicos e privados en relación co franquismo”, tal e como lle ten acontecido ao historiador Carlos Babío nos seus traballos de investigación.
Neste sentido, o Bloque denuncia a “negativa de accesos incluído a diversas fundacións franquistas, a arquivos da Casa Real e ao Arquivo do Antigo Reino de Galiza”, xa que se dá o caso de esas fundacións franquistas teñen documentos relativos a moitas das persoas represaliadas e non se facilita o acceso para poder investigar a historia. Precisamente no marco da investigación sobre o espolio do Pazo de Meirás -e tamén en outras causas da ditadura-, o Estado español non facilitou o acceso aos fondos dos arquivos públicos e privados suficientemente, tal como esixe a Lei de Memoria Histórica. No seu artigo 22, esta establece que “se garanta o dereito de acceso aos fondos documentais depositados nos arquivos públicos e a obtención das copias que se soliciten e que o previsto no apartado anterior será de aplicación, nos seus propios termos, aos arquivos privados sostidos, total ou parcialmente, con fondos públicos”.
Non obstante, o Estado español prohibiu e segue facéndoo, o acceso aos fondos do franquismo, alegando a prohibición en base á Lei de Protección de Datos Persoais, en oposición ao Regulamento Europeo de Protección de Datos. Porén, dito Regulamento indica que a protección de datos non poderá obstaculizar os estudos dos historiadores.
Ademais, Ana Miranda criticou que no Estado español conviven oito fundacións franquistas, como son a Fundación Nacional Francisco Franco, Fundación José Antonio Primo de Rivera, Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, Fundación Ramiro Ledesma Ramos, Fundación Serrano Suñer e Fundación Capitán Cortés. “O feito de que existan oito fundacións franquistas sostidas con fondos públicos e privados sobre as vítimas da ditadura, é anacrónico e excepcional en Europa e por iso debe ser denunciado en todas as instancias internacionais, pola imposibilidade de acceder a documentos que estabelece a Lei de Memoria Histórica”, considera.
A nacionalista lembra que, hai un ano, o Parlamento Europeo aprobou a Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, da que é coautora, que insta a prohibir as fundacións e asociacións que fan apoloxía do fascismo e nazismo “porque son antidemocráticas e atentan contra a memoria das vítimas”.