Ana Miranda: “O reforzo das asembleas do BNG da emigración danos fortaleza para afrontar as Europeas”
A eurodeputada coordina un encontro en Bruxelas cos responsables dos grupos do Bloque na diáspora
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, organiza este venres e sábado un encontro coas diferentes asembleas do BNG na diáspora, procedentes de lugares tan diversos como Alemaña, Chequia, Dinamarca, Suíza, Bélxica e Catalunya, co obxectivo de preparar un programa de traballo conxunto cara as vindeiras eleccións europeas do 26 de maio.
“Temos o gran orgullo de contar con militantes en cidades tan diferentes e con tantas gañas de traballar a prol do proxecto do Bloque”, salientou Ana Miranda, quen defendeu a necesidade de afrontar a próxima cita electoral europea coa máxima coordinación posible tendo en conta as particularidades de cada comunidade. “O reforzo das nosas asembleas na diáspora daranos máis azos neste reto europeo”, engadiu.
Para a eurodeputada nacionalista o reforzo das relacións coa diáspora é unha das vertentes imprescindibles do internacionalismo, aspecto que impulsa desde o seu posto como responsable de Relacións Internacionais do BNG. Neste sentido Miranda ten participado en diversas iniciativas desenvolvidas polas asembleas do Bloque tanto en Alemaña, como Chequia, Dinamarca, Suíza, Bélxica ou Catalunya, “postas en marcha en moitas ocasións en circunstancias moi adversas”, segundo sinalou.
No encontro celebrado en Bruxelas abórdanse temas tan diversos como a situación laboral das persoas emigradas, -cuxas circunstancias varían segundo os países-, a loita feminista, a loita contra o avance do fascismo e o nazismo ou as relacións con outros grupos da esquerda europea. “As ideas achegadas desde os distintos puntos da emigración ofrécenos unha visión ampla destes problemas complexos que necesitan resposta da nosa parte”, apuntou Ana Miranda.
Voz en Europa
Pola súa banda, os representantes das asembleas do BNG na emigración louvaron o traballo efectuado por Miranda na súa traxectoria en Bruxelas, facendo especial fincapé no desempeñado no último ano, desde que o 28 de febreiro de 2018 asumiu o escano. Neste sentido salientaron a aprobación da Resolución contra o avance do fascismo en Europa o pasado 25 de outubro, -da que foi co-relatora-; a apertura do procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da normativa comunitaria en materia de seguridade ferroviaria; as emendas presentadas aos diversos fondos europeos e a súa preocupación constante pola correcta execución ou a conferencia celebrada o pasado mes de maio sobre liberdade de expresión. “Desde os diferentes puntos de Europa dos que procedemos vemos que Ana Miranda, como eurodeputada do Bloque, é a voz que nos representa e queremos agradecerlle a súa forza e valentía”, apuntaron.