Ana Miranda reforza as relacións bilaterais do BNG co Sinn Féin
A eurodeputada do Bloque trasladou ao equipo internacional do partido nacionalista irlandés o convite para visitar Galiza nos próximos meses
No marco das relacións bilaterais que ten o BNG co Sinn Féin, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa estes días no congreso anual da formación nacionalista irlandesa. Neste evento, celebrado en Belfast, Miranda mantivo unha reunión de traballo co equipo da Área de Internacional do Sinn Féin e coas súas dúas líderes, Mary Lou McDonald e a vicepresidenta Michelle O’Neill, ademais do equipo da Área Internacional.
No congreso, convocado baixo o epígrafe Ard Fheis 2018, o Sinn Féin debateu cuestións como a unificación de Irlanda, e o desenvolvemento de políticas sociais, de medio ambientais e de emprego nun ano marcado polo acontecer do Brexit e as súas consecuencias para Irlanda do Norte, entre outras cuestións.
A eurodeputada e secretaria de Relacións Internacionais do BNG aproveitou o encontro para trasladar o convite para que unha representación do Sinn Féin visite Galiza nos vindeiros meses. Ambas forzas traballan conxuntamente en moitos temas na Eurocámara, como a defensa da autodeterminación e a execución de políticas de esquerda que beneficien aos Pobos irmáns que representan o BNG e o Sinn Féin.
Asemade, Miranda expresou os parabéns da Executiva Nacional do Bloque pola recente vitoria no referendo sobre o aborto en Irlanda, que despenalizou o artigo da Constitución que impedía ás mulleres irlandesas exercer a liberdade de escolla.