Ana Miranda reforza a relación co BNG na diáspora con reunións en Berlín e Frankfurt
A eurodeputada do Bloque falará nos encontros da importancia de seguir traballando pola solidariedade entre os pobos e a loita contra o avance do fascismo
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa este fin de semana en sendas xuntanzas con militantes do Bloque nas cidades de Berlín e Frankfurt. Ao seu xuízo, é fundamental “reforzar as relacións co BNG da diáspora” e apoialos nas súas iniciativas, desenvolvidas en moitas ocasións en circunstancias complexas.
“Para o BNG ten que ser un fondo orgullo que teñamos militantes nos países e cidades máis diversos e temos que afondar nestas relacións de solidariedade entre os pobos”, sinala a eurodeputada nacionalista en referencia á situación dos presos políticos cataláns, ao tempo que lembra que hai escasamente un mes mantivo un encontro coa militancia residente en Londres e a súa área.
O sábado, 17 de novembro, en Berlín, Ana Miranda participará en diversos actos culturais organizados pola comunidade nacionalista da capital alemá, mentres que o domingo, na cidade de Frankfurt, intervirá na charla “A solidariedade entre os pobos e a loita contra o fascismo no Estado español”. Nela explicará, entre outros asuntos, o traballo desenvolvido polo BNG durante anos para recuperar o pazo de Meirás e a situación dos 19 activistas denunciados pola familia Franco despois de participar nunha ocupación simbólica do pazo para defender a devolución do inmoble.
Asemade, a eurodeputada galega fará referencia á recente aprobación no Parlamento Europeo da Resolución contra o avance do fascismo en Europa, da que é co-relatora. Precisamente esta resolución contempla a ilegalización da fundación Franco e a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos e de toda a simboloxía franquista.