Ana Miranda reclama na Eurocámara afondar na cooperación entre Galiza e o norte de Portugal
A eurodeputada do BNG participou hoxe nas comisións de Política de Cohesión e de Peticións
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu hoxe potenciar a cooperación transfronteiriza entre Galiza e o norte de Portugal xa que, segundo salientou, esta cooperación é “un dos piares” da política de cohesión europea. “Nas fronteiras, mellor pontes que barreiras”, destacou no obxectivo de mellorar a vida das persoas que viven a ambos lados da fronteira.
“A cooperación transfronteiriza entre Galiza e o norte de Portugal é vital para os case 7 millóns de cidadáns que viven, estudan e traballan ao longo da fronteira”, subliñou a eurodeputada galega na súa intervención na Comisión de Política de Cohesión, ao tempo que sinalou que a Eurorrexión ten tido unha longa historia común “que, grazas a integración europea nos permitiu transformarnos nun espazo de cooperación no que hai máis elementos que nos unen que aqueles que nos separan”.
Ana Miranda defendeu ademais a necesidade de dar pasos para “mudar a vontade das administracións competentes” e así facilitar a vida da cidadanía que vive a ambos lados da fronteira. Neste sentido mencionou a creación dos puntos de coordinación transfronteirizos, no obxectivo de eliminar atrancos administrativos, así como a creación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, “que o meu partido liderou na Galiza”.
Ao respecto a eurodeputada galega salientou o traballo desenvolvido por Sandro Gozi, o eurodeputado impulsor do Mecanismo Transfronteirizo Europeo BRIDGEU. e expresou a súa vontade de poder amosarlle en Galiza as iniciativas postas en marcha polo BNG nestes eidos.
Acceso aos documentos
Por outro lado, Ana Miranda tamén participou na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, na que hoxe se presentaron os candidatos e candidatas a Defensor ou Defensora do Pobo Europeo. Na súa intervención, que realizou en nome do grupo parlamentar no que se integra o BNG na Eurocámara, expresou a preocupación polo acceso público aos documentos nos diferentes procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea, como no caso do accidente do Alvia ou recentemente no da AP-9.